O Concello de Monforte sumouse este sábado ao apagón convocado por “A hora do Planeta”

RibeiraSacraXa
A explanada da Compañía e o Conxunto monumental de San Vicente quedaron este sábado 22 de marzo sen iluminación nun xesto simbólico de apoio á loita contra o cambio climático
casa-concello-monforte
24 Mar 2025

O Concello de Monforte sumouse este sábado ao apagón da iniciativa "A Hora do Planeta". Así, o 22 de marzo, as luces dalgúns dos espazos máis emblemáticos da cidade do Cabe permaneceron apagadas durante unha hora, desde as 20:30 ata as 21:30 horas. Concretamente, quedou sen iluminación a explanada da Compañía e o entorno de San Vicente, incluída a Torre do Homenaxe.

Con este xesto, o Equipo de Goberno do Concello amosou o seu apoio á organización en defensa da natureza WWF, que, baixo o lema "Dalle unha hora ó planeta", pretendía mobilizar a todas as cidades do mundo para demostrar o respaldo global contra o cambio climático.

O alcalde destacou, ademais, que “desde o Concello de Monforte estábamos convencidos de que o espírito da Hora do Planeta era máis necesario ca nunca para transmitir un mensaxe de esperanza, unidade e colaboración ante as grandes ameazas que tamén afronta a humanidade, como o cambio climático ou a destrución da natureza".

Por este motivo, continuou o rexedor municipal, "o acto simbólico ao que nos sumamos este sábado tiña como obxectivo concienciar sobre a necesidade de utilizar a enerxía de forma responsable. É fundamental que todos nos impliquemos na loita contra o cambio climático para reducir así o nivel de emisións de CO₂".

O alcalde tamén lanzou un mensaxe aos veciños e veciñas de Monforte, animándoos a "entender este xesto e a sumarse nas súas casas a esta iniciativa, que consistía en aforrar enerxía durante unha hora".

A Hora do Planeta

Esta iniciativa, promovida pola Asociación WWF, comezou en 2007 en Sídney como un xesto simbólico para chamar a atención sobre o problema do cambio climático. Un sinxelo acto que consiste en apagar as luces de fogares, negocios, edificios e monumentos durante unha hora.

Co paso dos anos, esta acción convertiuse nun movemento mundial do que xa forman parte miles de cidades de 188 países, que en edicións anteriores apagaron máis de 17.000 monumentos e edificios emblemáticos.

A Hora do Planeta une a cidadáns, empresas, concellos e institucións para loitar contra o cambio climático e a perda de biodiversidade; trátase da maior iniciativa mundial en defensa do medio ambiente, á que o Concello de Monforte se sumou nos últimos anos.

En coherencia coa situación actual de pandemia mundial, desde WWF, ademais do apagón simbólico de luces, propuxéronse diferentes actividades para realizar desde casa. Deste xeito, todas as persoas interesadas poderon participar xunto ás súas familias no maior evento virtual de sensibilización ambiental da historia.

⚙ Configurar cookies
0.58062195777893