O Concello de Monforte súmase ao apoio dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra
A primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada, do Concello de Monforte participaron na concentración que tivo lugar ás portas da sede do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, convocada por diversos sindicatos, e na que o Equipo de Goberno apoia as reivindicacións do sector do viño da D.O. Ribeira Sacra.
A concentración foi convocada polo Sindicato Labrego Galego en protesta pola falta de solucións e polas medidas insuficientes ante os problemas para a venda de uva, que veñen derivados a causa dos excedentes de viño tinto que acumulan as adegas.
O apoio do Concello as reivindicacións do sector do viño da D.O. Ribeira Sacra vén motivado porque se trata dun sector estratéxico fundamental para a economía de Monforte e da Ribeira Sacra, e tamén é esencial no eidos turístico e gastronómico da comarca.
Neste senso, cabe recordar que o Concello de Monforte, como capital da Ribeira Sacra, vai da man do sector porque o Executivo de José Tomé apoiou dende o primeiro momento ós viños desta Denominación de Orixe, tanto ós seus viticultores como ós seus adegueiros, ben organizando directamente accións promocionais, ben participando noutras iniciativas co fin de potenciar ó sector, e nas que destaca a organización do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte.