O Concello de Monforte súmase á conmemoración do Día Mundial do Colangiocarcinoma

RibeiraSacraXa
A Torre da Homenaxe iluminarase de verde este xoves como símbolo de apoio á campaña #IluminaEnVerde26 da Asociación de Tumores de Vías Biliares en España
torre-da-homenaxe-monforte-de-lemos
19 Feb 2026

O Concello de Monforte de Lemos súmase á conmemoración do Día Mundial do Colangiocarcinoma este xoves 19 de febreiro. Como símbolo de apoio e concienciación, a Torre da Homenaxe iluminarase coa cor verde, unha iniciativa que busca sensibilizar á poboación sobre este tipo de cancro.

Con esta acción, o Concello colabora coa campaña #IluminaEnVerde26 da Asociación de Tumores de Vías Biliares en España (ATUVIBI), que utiliza o verde para representar a esperanza e a visibilización dos tumores da vía biliar.

O alcalde de Monforte, José Tomé, sinalou que “o Concello de Monforte quere facer extensiva a toda a cidadanía a conmemoración desta data e brindar apoio ás persoas diagnosticadas con esta enfermidade e ás súas familias, ademais de dar visibilidade e sensibilizar á sociedade sobre este tipo de cancro, o tumor das vías biliares máis frecuente pero aínda pouco coñecido”. Tomé destacou que se trata dun cancro considerado “raro” pola súa baixa incidencia, xa que só representa o 2% dos casos oncolóxicos en España, aínda que o seu diagnóstico vén aumentando nos últimos anos.

Os tumores da vía biliar son crecementos anormais de células canceríxenas que se forman nas vías que transportan a bile, un líquido producido polo fígado que axuda á dixestión das graxas. Entre eles, o colangiocarcinoma intrahepático é o segundo cancro de fígado máis diagnosticado no mundo, só por detrás do hepatocarcinoma. É unha enfermidade agresiva, e o 80% dos casos detectase en fases avanzadas, cando as opcións de tratamento curativo son limitadas. A taxa de supervivencia a cinco anos apenas alcanza o 20%.

⚙ Configurar cookies
0.082880973815918