O Concello de Monforte celebra a campaña ‘Quere o teu mercado’ con degustacións de produtos locais

O Concello de Monforte súmase un ano máis á campaña internacional Quere o teu mercado, que se celebrará o sábado 31 de maio na Praza de Abastos da cidade. “Con esta iniciativa”, destaca o alcalde, José Tomé Roca, “dende o Concello de Monforte sumámonos ás accións que levamos realizando desde hai anos para fomentar as compras no pequeno comercio de proximidade, que é o que se realiza, neste caso, na Praza de Abastos da nosa cidade”.
Neste senso, o rexedor monfortino indicou que “as prazas de abastos, a través das canles curtas de comercialización, garanten a calidade dos produtos alimentarios galegos, e nelas únense tradición e modernidade a través da profesionalidade dos seus praceiros e praceiras”.
Así, este sábado, 31 de maio, terá lugar na Praza de Abastos, a partir das 12:00 horas, unha degustación de produtos locais ofrecidos polos praceiros: queixos, embutidos, empanadas, entre outros, acompañados de viños da D.O. Ribeira Sacra. Con esta acción preténdese animar á veciñanza a mercar os seus produtos na Praza de Abastos municipal, polo valioso papel dinamizador e revitalizador que xogan os mercados municipais nos centros urbanos, facilitando ademais a compra de alimentos frescos preto da casa.
Mercar nestes espazos é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada, así como de obter produto fresco e galego. É tamén unha forma de garantir unha boa compra e fomentar o consumo de produtos que aseguran unha dieta equilibrada e saudable.
Durante o evento, as persoas asistentes poderán gozar de degustacións gratuítas de produtos gastronómicos da praza, acompañadas de viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Ademais, farase entrega das bolsas de tea da campaña Quere o teu mercado, promovida pola Dirección Xeral de Comercio.
Con esta iniciativa, dende o Concello de Monforte reafirman o seu compromiso co impulso do pequeno comercio local, promovendo as compras de proximidade e poñendo en valor os produtos da Praza de Abastos, considerada un exemplo de equilibrio entre tradición e modernidade, onde a profesionalidade de praceiros e praceiras contribúe a ofrecer un servizo de calidade á veciñanza.