O Concello de Monforte reivindica o traballo colectivo na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

O Concello de Monforte de Lemos subliñou este martes a importancia do traballo conxunto entre administracións, asociacións e veciñanza para promover a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO. Así o afirmou a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, durante a inauguración do IX Foro Territorios Patrimonio, que reúne no Parador de Turismo da cidade a expertos, representantes institucionais e axentes locais.
López considerou especialmente simbólico que o encontro se celebre no Conxunto Histórico de San Vicente, “un espazo de debate e reflexión arredor da necesidade de protexer de forma responsable e manter vivo o noso patrimonio histórico, paisaxístico e cultural: un ben que forma parte da nosa identidade e que temos o deber e a responsabilidade de coidar e preservar para as xeracións futuras”.
A edil lembrou que a candidatura da Ribeira Sacra afronta un “momento decisivo”, xa que a decisión definitiva da UNESCO se coñecerá en xuño de 2026. “No equipo de goberno do Concello de Monforte cremos que as diferentes administracións e asociacións debemos unir esforzos neste propósito, que suporá o recoñecemento definitivo e a posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial”, afirmou.
Durante a súa intervención, López destacou o papel de Monforte como corazón da Ribeira Sacra, “non só pola súa impresionante beleza natural, senón tamén pola súa rica herdanza cultural e histórica”, salientando o Conxunto Histórico de San Vicente, a Xudaría, o Colexio de Nosa Señora da Antiga —coñecido como o “Escorial galego”, que conserva obras de El Greco e Andrea del Sarto— e o convento das Clarisas, cuxo museo é un dos máis destacados en arte sacra do século XVI. Tamén puxo en valor o patrimonio paisaxístico de Monforte, con enclaves como o miradoiro do Duque, sobre o Canón do Sil, ou o embarcadoiro de Ponte do Sil, desde onde parten os catamaráns turísticos da Deputación de Lugo.
Para López, todos estes recursos constitúen “un poderoso reclamo arredor do que se articula unha oferta turística e cultural de calidade, sostible, non masificada e chea de experiencias”. Nesa liña, apelou a “comprometernos a protexer estes tesouros e asegurarnos de que as xeracións vindeiras poidan experimentar e apreciar a mesma beleza e riqueza que gozamos hoxe”.
Baixo o lema “Un Patrimonio para Habitar”, o IX Foro Territorios Patrimonio centra esta edición na idea de que o patrimonio non é só un legado do pasado, senón un ben vivo que debe compartirse e proxectarse cara ao futuro. Ao longo de dúas xornadas, o encontro abordará o papel das políticas públicas na conservación do patrimonio e abrirá o debate sobre a relación entre paisaxe, cultura, auga e viño como eixes de identidade da Ribeira Sacra.