O Concello de Monforte presenta o programa de Nadal con actividades para todas as idades

RibeiraSacraXa
O programa arrancará este venres, 5 de decembro, co acendido de Nadal, e incluirá arredor dunha vintena de prostas
presentacion-nadal-monforte
2 Dec 2025

O Concello de Monforte presentou este martes o seu Programa de Actividades para o Nadal 2025-2026, un calendario que reúne arredor dunha vintena de propostas culturais e de lecer dirixidas a todos os públicos. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, destacaron que o obxectivo é “encher de alegría e ilusión as Festas de Nadal dos monfortinos e monfortinas, e de todos os que nos visitarán nestas datas”.

A programación arrincará este venres co acendido das luces de Nadal. O alcalde, José Tomé, será o encargado de premer o interruptor ás 18.30 horas, diante da árbore ornamental de máis de 20 metros de altura situada na rúa peonil do Cardeal. Este ano, o dispositivo lumínico estenderase por 67 rúas, cun total de 265 arcos, sete mensaxes de ‘Bo Nadal’ e 1,2 millóns de luces LED, cun investimento municipal de 57.000 euros. O alumado permanecerá activo cada día entre as 18.30 e as 02.00 horas, ata o 6 de xaneiro.

Doutón explicou que o programa incorpora non só propostas culturais, senón iniciativas “pensadas tamén para contribuír a dinamizar os nosos sectores produtivos, especialmente a hostalaría, o comercio e o turismo”. Un exemplo diso será o ‘Mercado de Nadal’, que se celebrará os días 20 e 21 de decembro na Praza de Abastos, cun total de 16 postos nos que se ofrecerán agasallos, produtos gastronómicos, chocolate quente e doces. Haberá tamén obradoiros infantís pola mañá e actuacións de Peter Punk e Brais das Hortas polas tardes.

Outra das citas destacadas será o ciclo ‘Concertos na Rúa’, que se desenvolverá na rúa Cardeal ás 20.30 horas, coa participación dos grupos monfortinos Deloreans, o 26 de decembro, e Malenne, o 2 de xaneiro.

A programación cultural inclúe o tradicional Concurso de Beléns para os centros educativos e o Certame de Poesía Infantil ‘Nadal 2025’. Ademais, na Casa da Cultura Lois Pereiro poderase visitar, entre o 9 de decembro e o 9 de xaneiro, o belén galego-árabe elaborado por José Antonio Dávila.

O teatro será outro dos piares do programa, con catro funcións gratuítas ao longo de decembro: ‘María Visitación Consolación Amadora’, de Loia Produccións; ‘O boleto’, do grupo local Viraventos; ‘Nadal en prácticas’, de Lalá Teatro; e ‘O ladrón de xoguetes’, da compañía Títeres Cachirulo.

O Edificio Multiusos acollerá tamén a 25ª Mostra de Panxoliñas para Centros de Ensino, o día 18, e o Festival de Nadal do Conservatorio Municipal, o día 19. O Apalpador visitará a cidade na mañá do 24 de decembro, percorrendo as rúas e a zona dos mercados.

O calendario musical completarase co ‘Concerto de Corais Nadal 2025’, o 27 de decembro na Igrexa da Antiga; un recital lírico coa soprano Emilia Pérez, o pianista Lucas López e o barítono Carlos Enrique, o día 29; ‘A fantasía do Nadal’, o 30; o espectáculo de humor ‘A caída!’, de Pepo Suevos, o 2 de xaneiro; e o ‘Concerto de Aninovo’, da Orquestra Kv2211 de Vigo, o día 3.

A chegada dos Reis Magos será outro dos momentos máis agardados. As Súas Maxestades chegarán en tren o 5 de xaneiro ás 17.25 horas, e a Cabalgata partirá ás 18.30 desde a Praza da Estación ata a Casa do Concello. Ás 19.30 horas está prevista a lectura do discurso desde o balcón municipal, e posteriormente terá lugar a recepción oficial para os máis pequenos. O programa pecharase o día 6 coa misa e o concerto de Reis na igrexa do Hogar San José, a cargo da Coral Polifónica do Concello.

Tanto Gloria Prada como Marina Doutón animaron á cidadanía a participar en todas as actividades e desexaron unhas boas festas á veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.076246023178101