O Concello de Monforte presenta o novo proxecto de reparcelación da Zona C

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou os novos proxectos de reparcelación da Zona C, adaptados ás sentenzas que obrigan a dividir a área de reparto en dous polígonos independentes, incorporar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil como titular dos terreos do Dominio Público Hidráulico do río Cabe e modificar a aliñación na rúa Ourense. O rexedor subliñou que estas adaptacións só afectan ao trámite administrativo e que “a urbanización está executada e o resultado á vista de todos”.
A Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente os proxectos dos polígonos 1 e 2 o pasado 17 de novembro, e o anuncio publicarase mañá no Boletín Oficial da Provincia. Coa publicación ábrese o período de información pública, que se prolongará ata o 22 de decembro. Todos os propietarios recibirán notificación individual, e tamén se remitirá o expediente á Confederación Hidrográfica. O alcalde indicou que, se non hai alegacións, “a aprobación do proxecto será elevada a definitiva”.
Os proxectos incorporan os cambios esixidos polas resolucións xudiciais: comunicación á Confederación, nova configuración en dous polígonos —o primeiro no triángulo suroeste e o segundo, o de maior superficie, dividido pola rúa Teceláns— e a exclusión da traseira dun edificio da rúa Ourense da aliñación prevista. Tomé insistiu en que o obxectivo segue sendo “distribuír xustamente as cargas e beneficios da ordenación urbanística dando cumprimento á lei urbanística, ás normas subsidiarias de planeamento de Monforte e ás citadas sentenzas”.
O alcalde lembrou que a Zona C permanecera sen desenvolver desde a modificación urbanística do ano 2000 e que non se iniciou a súa tramitación ata 2020. Segundo afirmou, a intervención municipal permitiu transformar “unha bolsa de maleza e edificacións abandonadas” situada entre Rof Codina e Cobas, xunto ao río Cabe e fronte ao Colexio dos Escolapios.
A documentación presentada tamén inclúe o detalle das superficies e dos gastos dos dous ámbitos. O Polígono 1, con 3.661 metros cadrados de superficie e 2.568 edificables, ten un custo de urbanización de 238.529,22 euros. O Polígono 2 abrangue 17.288 metros cadrados e 19.662 edificables, cun gasto de 938.173 euros.
Tomé cifrou o custe medio da urbanización nos dous polígonos en 56,03 euros por metro cadrado edificable. Como referencia, apuntou que, para un baixo comercial ou unha vivenda tipo de 100 metros cadrados, “o custe imputable ao solar sería de 5.603 euros”.