O Concello de Monforte prepara varias actividades para reivindicar o Día da Muller en marzo
O Concello de Monforte, a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), organiza diferentes actos conmemorativos polo Día da Muller, o 8 de marzo, que se estenderán ao longo de todo o mes.
O acto central desenvolverase baixo a mensaxe 'A igualdade non é flor dun día', un chamamento a manter vivo o espírito do 8 de marzo durante os 365 días do ano para que a sociedade siga avanzando cara a igualdade real entre homes e mulleres.
A concentración con motivo do 8M na Praza do Concello, os obradoiros dirixidos a alumnos tanto de primaria coma de secundaria, o teatro ou a posta en marcha da campaña informativa e divulgativa 'Monforte pola igualdade', serán algúns dos protagonistas destes actos conmemorativos.
Segundo a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, a elección do lema ten un dobre simbolismo: por un lado, eleva a voz no día no que se producen máis actos e mostras de apoio á muller e á eliminación de todo tipo de discriminacións por cuestións de xénero, para destacar a importancia de manter prendida durante todo o ano a chama desta data.
Por outra banda, a mensaxe tamén pon en valor o traballo feito, dixo: "Se miramos atrás vemos que superamos importantes obstáculos, que a igualdade non é flor dun día, senón froito do esforzo de moitas xeracións ás que debemos tanto. Estamos máis preto, pero como sociedade temos a responsabilidade de seguir dando pasos cara adiante ata acadar o obxectivo. É a obriga de todas e de todos, seguir escribindo un presente e un futuro máis xusto".
Programa de actividades
O mércores 8 de marzo, ás 12.00 horas, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López Rodríguez, procederá á lectura do Manifesto na Praza do Concello.
Para simbolizar a importancia de practicar a igualdade todos os días asociarase o lema a unha simboloxía relacionada coas flores, as plantas e as árbores transmitindo a necesidade de coidar, abonar e regar todos os días esta loita para que continúe medrando.
Con este fin, repartiranse no propio acto entre a cidadanía varios exemplares de Plantas da Igualdade que levarán ás súas casas para coidar a diario, do mesmo xeito que teríamos que coidar a igualdade.
Tamén se lle explicará á cidadanía o significado da presencia en diferentes rúas da cidade dunhas macetas de gran tamaño e co lema 'A igualdade non é flor de un día' que teñen o fin de lembrarnos a todos a necesidade de promover e practicar a igualdade na vida cotidiá.
Tras a lectura do manifesto, haberá unha actividade participativa na que varios representantes de colectivos sociais, aportarán un puñado de terra ás Plantas da Igualdade lendo en alto a aportación que cada un deles fai de maneira individual con respecto a esta loita que é a de todos.
As plantas da Igualdade tamén se repartirán nos centros educativos entre os nenos e nenas de primaria e infantil fomentando unha educación en igualdade desde idades temperás.
Esta campaña completarase coa iluminación de cor malva e proxección dixital na Torre da Homenaxe do lema 'Monforte pola Igualdade' que permanecerá acendida dende as 19.30 ata as 22.00 horas do día 8M.
O día 9 de marzo, en colaboración coa Concellería de Cultura desenvolverase no Edificio Multiusos ás 20.15 horas a representación teatral 'Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva' a cargo da Compañía Olivas Negras.
Actividades para nenos
O resto das actividades que se desenvolverán durante o mes de marzo están destinados ás pequenas e pequenos, porque a igualdade ten que tratarse dende a educación e a ensinanza destes valores dende as idades mais temperanas.
Por este motivo se organizan actividades dirixidas ao alumnado de educación primaria e secundaria cun alto valor educativo nas que os nenos e nenas a través de actividades colaborativas, participarán de xincanas coas que se invita aos rapaces a atopar momentos de debate e reflexión sobre a igualdade de xénero.
Estas actividades están financiadas con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas ou ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2023.