O Concello de Monforte prepara un gran dispositivo para o bo desenvolvemento da Carreira Popular
O alcalde, José Tomé Roca, amosa a súa satisfacción polo número de persoas anotadas na Carreira Popular de Monforte: 977 atletas, “que é un número similar de inscritos con respecto ás últimas edición celebradas, co cal podemos dicir que a Carreira Popular é un evento deportivo máis que consolidado na nosa cidade e que é todo un éxito de participación”.
O rexedor anima a todos os veciños e veciñas de Monforte a presenciar as carreiras e a animar aos seus participantes “pois o alto número de inscritos garante que vaiamos a ter un gran ambiente atlético durante a mañá do domingo”.
O número de inscritos para cada unha das carreiras foi, en categoría Mini, de 74 persoas; na de prebenxamín, de 216 persoas; na de benxamín, de 162 persoas; na de alevín, de 110 persoas; nas categorías Infantil e Cadete, de 102 persoas, e na categoría Absoluta, 313 persoas.
Os máis cativos son os que comezarán a competir ás 11.00 horas na categoría Mini sobre una distancia total de 80 metros, e a continuación darán paso á categoría prebenxamín, ás 11.10 horas nunha distancia de 700 metros. Na de benxamín, ás 11.20 horas, tamén sobre 700 metros, a alevín ás 11.30 horas sobre 1.300 metros, e infantil e cadete ás 11.40 horas, sobre un percorrido de 2.000 metros. Por último, ás 12.00 horas está prevista a saída da carreira absoluta sobre un percorrido de 10.000 metros, no que tomarán a saída 313 atletas.
Entre as probas de menores e a proba absoluta establécense un total de 14 categorías o que da lugar a un reparto importante de trofeos, xa que os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán un trofeo conmemorativo do evento. A única categoría na que non haberá clasificación é na mini, onde todos e todas os e as participantes levarán unha medalla e unha bolsa de lambetadas como agasallo por rematala carreira.
Todos os atletas que finalicen cada unha das carreiras nas que participen, recibirán un agasallo conmemorativo do evento, así como avituallamento sólido e líquido.
Os percorridos
As probas de categorías menores terán lugar no entorno das rúas Compañía, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure, con meta no interior da Praza da Compañía, a excepción da carreira de categoría mini que ten a meta á altura dos quioscos situados na rúa Compañía.
A carreira absoluta ten un percorrido totalmente urbano que transcorre polas principais e máis céntricas rúas do Concello: Saída da Praza Compañía – Paseo de Lugo – Carude – San Lázaro – Reboredo – Dalmiro de La Válgoma – Escultor Francisco Moure – Rúa Sarria – Avda. de Galicia – Rúa Hortas – Rúa Dr. Casares – Paseo do Malecón – Ponte Vella – Rúa Antonio Méndez Casal – Praza Campo de San Antón – Rúa Ourense – Avda. de Galicia – Rúa Cardeal - Escultor Francisco Moure – Praza da Compañía.
A organización deste evento implica a alteración do trafico nalgunha das rúas polas que circula a carreira, feito polo que o Concello de Monforte pide a comprensión de tódolos veciños e veciñas.
Así, entre as 10.15 e as 13.45 horas estarán cortadas ó tráfico as rúas Compañía dende a Praza Ponte Fontecha, Paseo de Lugo entre Dalmiro de la Válgoma e Duquesa de Alba, Dalmiro de la Válgoma, e Escultor Francisco Moure ata o cruce con Celso Emilio Ferreiro.
Entre as 11.45 e as 13.30 horas estarán cortados o aparcadoiro do Parque dos Condes, a rúa Compañía, o Paseo de Lugo, a rúa Aceña Nova, a rúa Carude, a rúa Paredes, a rúa San Lázaro, a rúa Duquesa de Alba, a rúa Reboredo, a rúa Dalmiro de la Válgoma, Escultor Francisco Moure ata o cruce con Celso Emilio Ferreiro, a rúa Sarria, Avda. de Galicia dende o cruce con rúa Sarria ata o cruce coa rúa Ourense, Roberto Baamonde dende rúa Conde ata o cruce coa rúa Cardenal, con desvío da circulación por rúa Otero Pedrayo; a rúa Conde no tramo dende Oficina de Correos ata Praza do Conde, a rúa Cardenal Rodrigo de Castro, a rúa Hortas, a Praza Dr. Goyanes, a rúa Doutor Casares dende Praza Doutor Goyanes ata cruce con Paseo do Malecón o Paseo do Malecón, a Ponte vella, a rúa Sta. Clara dende enlace con rúa Corredoira ata rúa A. Mendez Casal; a rúa A. Méndez Casal, Praza Campo de San Antonio, o tramo rúa Ourense entre Campo de San Antonio e Cruce con rúa Chantada, e os estacionamentos públicos da rúa Hortas e Campo de San Antonio (traseira de Gonzalo Seguros).