O Concello de Monforte poñerá en marcha o próximo luns o Bus Rural, con transporte gratuíto polas 26 parroquias do municipio

O Concello de Monforte anuncia que o Bus Rural comezará a operar o próximo luns 15 de decembro, ofrecendo transporte público gratuíto para os veciños da zona rural do municipio e facilitando así os seus desprazamentos, contribuíndo tamén á loita contra o despoboamento.
O autobús realizará percorridos diarios de luns a venres, cubrindo un total de seis rutas que conectan as 26 parroquias do municipio coa cidade de Monforte. Así, os luns o vehículo partirá desde Salgueiros, en Rozavales, e percorrerá tamén Vilamarín, Caneda e Santa Mariña ata chegar a Monforte, con paradas en puntos clave como a estación de tren, a estación de autobuses e o hospital comarcal.
Os martes a ruta comezará en Morade Grande (Vilamarín), pasando por A Penela, As Nocedas, Marcelle, Gullade, Guntín e Piñeira antes de chegar ao centro urbano. Os mércores a conexión será con Distriz, A Vide, Moreda e as parroquias de San Xulián e San Xoán de Tor. Os xoves o percorrido partirá de Fabeiro e cubrirá tamén Fiolleda, Baamorto e Seoane.
Finalmente, os venres estableceranse dúas rutas diferentes: unha para Sindrán, Bascós, Chavaga e Reigada; e outra para A Parte e Valverde. En todos os casos, o servizo inclúe ida desde as parroquias cara a Monforte en horario de mañá e regreso pola tarde.
O autobús conta con 37 prazas sentadas e unha praza adaptada para persoas con mobilidade reducida, e está dotado con todos os servizos e sistemas avanzados de seguridade e asistencia á condución.
“O servizo é público, accesible para todos e gratuíto. Cumprimos coa palabra dada porque o transporte público forma parte da política social do noso Concello”, subliñou o alcalde, José Tomé Roca, durante a presentación oficial deste novo servizo.
O alcalde destacou que “o Bus Rural responde á vontade do actual Equipo de Goberno para facer extensible á zona rural un servizo de transporte gratuíto como o que xa temos no núcleo urbano, igualando o trato que reciben todos os veciños e veciñas”. Con esta iniciativa, explicou, o Concello “contribuirá á loita contra o despoboamento facilitando a vida á poboación máis vulnerable e con dificultades de mobilidade”, subliñando que o servizo será “flexible e evolucionará segundo as necesidades da poboación rural”.
A adxudicación do contrato realizouse o pasado mes de maio á empresa Palacios Bus SL por un importe próximo ao millón de euros para un período de dez anos. O proxecto está financiado con fondos propios do Concello e cunha subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Para facilitar o uso, todas as paradas estarán sinalizadas con indicativos do Bus Rural e detalles sobre os horarios. Ademais, os usuarios poderán coñecer en tempo real a localización do autobús descargando a aplicación Locatel, utilizando o usuario BUSRURAL e o contrasinal RURAL2025.