O Concello de Monforte pon en marcha un circuíto de obradoiros de cociña de outono nas parroquias

RibeiraSacraXa
Impartiranse en formato ‘showcooking’ en Santa Mariña, Seoane, A Penela, Distriz, Chao do Fabeiro e Sindrán
cogomelos-micoloxia
20 Nov 2025

O Concello de Monforte de Lemos impulsa un programa de obradoiros culinarios de outono en formato showcooking, que percorrerá varios locais sociais das parroquias do municipio. A iniciativa busca dinamizar o rural, fomentar os espazos de convivencia e poñer en valor os produtos de tempada.

Os primeiros talleres celebraranse este venres 21 de novembro en Santa Mariña e o sábado 22 en A Penela, ambos entre as 19.00 e as 21.00 horas. A programación prolongarase ata comezos de decembro, incluíndo sesións en Chao do Fabeiro o 27 de novembro, Seoane o 28 de novembro, Distriz o 4 de decembro e Sindrán o 5 de decembro, sempre no horario de 19.00 a 21.00 horas.

Ao longo destas seis xornadas, un chef profesional encargarase de elaborar distintas receitas protagonizadas por produtos propios do outono, como cogomelos, castañas e outros ingredientes locais, mentres explica técnicas culinarias en directo. Ao remate de cada sesión, as persoas participantes poderán degustar as preparacións realizadas.

A actividade, financiada polo Concello e polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, é de carácter gratuíto. Cada obradoiro ofrecerá 25 prazas, que se cubrirán por orde de chegada e realizarán a inscrición no propio local social o mesmo día.

⚙ Configurar cookies
0.073288202285767