O Concello de Monforte organiza un curso para promover a inserción laboral das mulleres rurais

Con motivo do Día da Muller Rural, que se conmemora cada 15 de outubro, o Concello de Monforte de Lemos, a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), pon en marcha unha nova acción formativa orientada a fortalecer as competencias laborais das mulleres do municipio.
O curso, titulado “Habilidades e competencias para o emprego: adestra as túas competencias para atopar traballo”, desenvolverase os días 15, 16 e 17 de outubro no salón de actos do Centro Cívico Social (Paseo do Malecón s/n), en horario de 09:30 a 14:00 horas. A iniciativa, de carácter gratuíto, enmárcase no programa ALICIA – Activando a Igualdade e conta coa colaboración da Fundación Mulleres, coa que o CIM traballa desde 2020 na promoción da inserción laboral feminina.
A formación está especialmente dirixida a mulleres desempregadas ou en busca de mellora profesional, mozas sen experiencia laboral, maiores de 45 anos, nais de familias monoparentais e mulleres residentes no medio rural.
O obxectivo desta proposta, subliña o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, “é proporcionar ás mulleres os coñecementos e ferramentas para desenvolverse mellor no mercado laboral”.
Durante as xornadas, as participantes aprenderán a elaborar currículums, cartas de presentación e preparar entrevistas de traballo, ademais de familiarizarse co uso de ferramentas dixitais para a busca de emprego. Tamén se abordarán aspectos como o autocoñecemento, a xestión emocional e as competencias persoais, co fin de reforzar a empregabilidade e a confianza das alumnas.
As prazas son limitadas e cubriranse por rigoroso orde de inscrición. As interesadas poden anotarse no Centro de Información á Muller (CIM), situado no Centro Cívico Social, ou chamando ao teléfono 982 416 350. Ao finalizar a formación, as participantes recibirán un certificado de asistencia que acreditará a súa participación no programa.