O Concello de Monforte organiza diversas actividades arredor do Día Internacional da Muller
O programa deseñado polo Concello de Monforte arredor do 8 de marzo, Día internacional da Muller, cuxo obxectivo é “facer actividades e propostas transformadoras que contribúan a eliminar na nosa sociedade as estruturas machistas e patriarcais que desgraciadamente seguen presentes no fondo de toda estrutura social y política das nosas vidas”, subliñou o alcalde, José Tomé.
As actividades ideadas dende a Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Monforte, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM) consisten, en primeiro lugar, nunha campaña informativa e de concienciación, Fiando na igualdade técese unha sociedade, que se desenvolverá ata o 15 de marzo e que consistirá na colocación de carteis por distintas zonas da cidade (Paseo do Malecón, Rúa Cardeal e Compañía) con mensaxes visuais e atractivas sobre o empoderamento das mulleres, a igualdade real, a corresponsabilidade e a rotura coas brechas de xénero que seguen persistindo na sociedade.
Tal e como se fixo dende o Concello en campañas como o 25-N, instalarase un vinilo no Bus Urbano municipal impreso co lema da campaña, contribuíndo así a visibilizar e reforzar a mensaxe que se busca trasladar á sociedade, que é concienciar a poboación sobre a necesidade de acadar unha Igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.
Ademais, iluminarase de cor malva e farase unha proxección dixital na Torre da Homenaxe co lema Monforte pola Igualdade, o propio día 8 de marzo, das 19.30 ás 00.00 horas co obxectivo de impactar na poboación monfortina para que adquira conciencia e sensibilidade co motivo da conmemoración do 8M.
Actos no día central do 8M
O venres 8 de marzo, ás 12.00 horas, na Praza de España, terá lugar o acto central arredor do 8M, no que a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López Rodríguez, procederá á Lectura do Manifesto.
A continuación desenvolverase unha Peza de Danza-Teatro que leva por título o Lema do 8M deste ano Fiando na igualdade técese unha sociedade, a cargo da artista Merche Pérez. A peza que se vai representar nace a partir do personaxe feminino da mitoloxía grega Cloto que é a fiandeira que fía os fíos da vida.
Ao rematar esta peza, a artista lerá ante o público asistente o lema deste ano, e dará paso á participación no acto do alumando de Educación Primaria dos Centros Educativos de Monforte para que lean as frases elaboradas e traballadas nas aulas. Ao longo deste acto, repartiranse pulseiras serigrafiadas con frases en prol da Igualdade.
Máis actividades
O teatro será protagonista en Monforte arredor do 8M, nesta ocasión con dúas pezas: o xoves 7 de marzo ás 20.15 horas no Edificio Multiusos desenvolverase a representación teatral Que din as rumorosas a cargo da compañía Artyc Content, que foi IV Premio “Luisa Villalta” a proxectos pola Igualdade 2022 da Deputación da Coruña. Trátase dunha comedia coral sobre como ser artista... e muller. E o domingo 10 de marzo ás 18.00 horas na Casa da Cultura coa representación teatral Valente e rebelde da compañía Trémola Teatro.
Por outra banda, haberá obradoiros tanto para o alumnado de Primaria e de Secundaria. Para alumnado de Educación Primaria, organízase a actividade do Escape Room de Igualdade Arquivo 8M, que consistirá nun xogo virtual, cuxo emprazamento é un arquivo de historia feminista, no que o alumnado participante dividido en grupos deberán resolver unha serie de probas e acertixos, e posteriormente poñer en común os contidos acadados.
“O noso obxectivo con esta actuación”, resalta o alcalde “é promocionar a igualdade efectiva entre mulleres e homes a través dunha aproximación histórica sobre o Movemento Feminista Occidental”.
As profesionais encargadas de levar a cabo o obradoiro son Sonia Fernández Bertólez e Ester Cano González, ambas traballadoras sociais con formación en xénero e igualdade. Terá lugar os días 6, 7, 11 e 12 de marzo e participará o alumnado de 6º de Primaria dos Escolapios, do Ferroviario, do Torre de Lemos, do Colexio A Gándara, do Colexio Novo e do CEE Infanta Elena.
Pola súa parte, para o alumnado de 3º ESO dos Escolapios, Ferroviario, Torre de Lemos, e dos institutos de A Pinguela, Río Cabe e Daviña Rey; haberá un obradoiro os días 11 e 12 de marzo titulado Hackeando ao machismo no que se lle explicará ao alumnado os conceptos fundamentais da teoría feminista asentados na realidade das redes sociais tan presente nas súas vidas.
José Tomé resalta que “con este obradoiro, o noso obxectivo é que adquiran unha conciencia crítica e aprendan a ver como o machismo de xeito sutil impregna e afecta de forma negativa ás súas e ás nosas vidas”.
As encargadas de levar a cabo a actuación serán Priscila Retamozo Ramos, formadora en igualdade e diversidade con alumando de todos os niveis educativos, profesorado, familias e entidades e coautora dos libros Comando Igualdade: a mocidade facendo a revolución feminista nas aulas e La revolución feminista nas aulas; e Cristina Louzán García, axente de igualdade especializada en teoría feminista e prevención da violencia contra as mulleres.
As dúas formadoras empregarán unha metodoloxía participativa e vivencial, centrándose nos coñecementos e intereses do alumnado, posibilitando a reflexión, a expresión dos seus sentimentos, opinións, experiencias e coñecementos relacionados coa materia.
Estas actividades están financiadas con cargo aos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdad y contra la Violencia de Género, para o desenvolvemento de novas o ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o exercicio 2023.
O Goberno local anima a participar
O alcalde concluíu a súa intervención destacando que “organizamos un amplo e completo abano de actividades, dirixidas a todos os estamentos da nosa sociedade, porque dende o Equipo de Goberno do Concello queremos unha sociedade paritaria, participativa e igualitaria, na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito, unha sociedade que camiñe cara á igualdade real e efectiva”.
Neste senso, o rexedor monfortino animou “a todos os monfortinos e monfortinas a que participen nestas actividades e quero convocalos especialmente a que nos acompañen o vindeiro venres 8 de marzo na Praza de España para celebrar o Día Internacional da Muller”.
“O noso obxectivo é acadar unha sociedade onde non teñan cabida as discriminacións por razón de xénero nin as violencias machistas, e na que esperamos que chegue o día en que non sexa necesario seguir reivindicando nada disto” subliñou o rexedor monfortino.