O Concello de Monforte mellorará a rede xeral de abastecemento de auga

RibeiraSacraXa
O Concello mellorará a rede xeral de abastecemento de auga da cidade coa instalación dunha nova tubaxe, investindo case 1,7M€
rolda prensa concello monforte
14 Xul 2022

O alcalde asinou un preacordo para executar as obras do proxecto denominado Desdobramento da rede xeral da distribución de Monforte, que suporán unha mellora moi significativa do abastecemento de auga na cidade.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinou na mañá de hoxe co representante da empresa FCC Aqualia S.A., Francisco Javier García Linares, un preacordo que suporá, en verbas do Alcalde “un antes e un despois na mellora da rede xeral de abastecemento de auga de Monforte”.

O Preacordo asinado hoxe obedece á execución do cumprimento parcial da sentenza nº 269/2021, de 30 de decembro,  do Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo, na que se ordenou á empresa Aqualia a execución de inversións incluídas no seu Plan de Investimentos para o Concello de Monforte, por un importe de 1.671.671,22 euros, que sumando os intereses de demora, ascenderá a 1.784.831,44€.

“Fai uns meses”, resaltou o Alcalde, “prodúxose un relevo nos responsables de Aqualia en Galicia, e isto fixo posible abrir un novo proceso de diálogo entre a empresa e o Concello”, o cal permitiu acordar o investimento de 1.671.617€ establecidos pola citada sentencia.

Con este fin, “mantivemos varias reunións discretas que deron como resultado, que con data do día 6 de xullo, enviei unha carta a FCC Aqualia SL propoñendo un texto de acordo para investir 1.671.617€ nas instalacións da Rede xeral de abastecemento de auga potable”, explicou Tomé Roca.

A empresa Aqualia aceptou, e no día de hoxe produciuse a sinatura deste preacordo, que será sometido á aprobación da Corporación municipal no vindeiro Pleno previsto para o martes 26 de xullo.

O proxecto que acometerá Aqualia denomínase “Desdobramento da rede xeral da distribución de Monforte” e consistirá na construcción dunha nova tubería xeral na rede de abastecemento, de fundición, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente.

“Deste xeito, teremos desdoblada a Rede Xeral de Abastecemento, dado que teríamos 2 tubaxes, a actual e a nova tubaxe, e así evitamos as reiteradas roturas na actual tubaxe de fibrocemento, xa que a nova de fundición é moi difícil que teña unha avaría deste tipo”, explicou o Alcalde.

Ademais, engadiu José Tomé, “a estas dúas posibilidades de abastecemento hai que sumar unha terceira, xa que nas proximidades de Juan Montes, xa foi construído un bypass para conectar a antiga traída de Pacios de Veiga”.

O Alcalde salienta que “con esta obra resolveremos un problema moi importante, xa que vai garantir que Monforte non se quede sen auga potable. Hoxe é un día moi importante, porque sen renunciar a nada, damos o primeiro paso para cumprir os compromisos pendentes que establece o contrato entre Aqualia e o Concello”.

ANTECEDENTES

O 7 de xuño do ano 2001, o Concello de Monforte e a empresa FCC Aqualia S.A., formalizaron o contrato administrativo da concesión do servizo de abastecemento de auga. No prego de cláusulas de dito contrato, o criterio nº 9 de adxudicación establecía as melloras de dito contrato, resultando a empresa Aqualia como a que obtivo a puntuación máxima nese criterio.

Conforme a iso, as melloras ofertadas pola empresa como “Plan de Investimentos”, consistían na execución dunha serie de obras por importe total de 400.316.000 pesetas (2.405.947,68 euros), e que debían comezar a executarse ós 3 meses da entrada no servizo.

En concreto, as obras ofertadas consistían nun estudo de melloras para a adecuación técnica da ETAP de Ribasaltas, a mellora nos depósitos de San Vicente, a execución de fontes cibernéticas modulares, a execución dun parque acuático en Monforte, así coma outras melloras que favorecesen a prestación do servizo.

Das referidas melloras, Aqualia realizou parcialmente a obra referente ó estudo de melloras para a adecuación técnica da ETAP de Ribasaltas,  investindo a cifra de 40.784,96 euros (dos 378.803,49 ofertados) e respecto da construción dun parque acuático para Monforte, aportou 143.182,29 euros para a adquisición dos terreos, habendo ofertado un total 1.594.236,34 euros para este proxecto.

Neste senso, o Alcalde salientou que “so se fixo unha pequena parte do investimento de 2,4M€, e de xeito irregular; cando en 2015 cheguei á Alcaldía, iniciamos un diálogo coa empresa para normalizar unha situación que había sido conflictiva dende o inicio do contrato”.

O 19 de marzo de 2018, o actual Alcalde elevou ó Pleno da Corporación a proposta de requirir á empresa demandante o abono da cantidade de 2.221.980,43 euros, máis os intereses legais, en concepto de importe pendente de executar das obrigacións de investimentos contractuais desta empresa, pero non foi aceptada polo Pleno, “polo que o proceso de diálogo non puido concluír”.

“Cando as circunstancias políticas cambiaron na composición do Pleno, acordamos requirir a Aqualia o que entendíamos que faltaba por investir, mais os intereses de demora”. Así, o 24 de febreiro de 2020, o Pleno do Concello de Monforte acordou instar a FCC AQUALIA, á execución de investimentos por un importe de 2.221.980,36 €, incrementado no correspondente interese legal do diñeiro, dando un resultado total de 3.718.223,00€. Devandito acordo foi recorrido por FFC AQUALIA S.L., ante a xurisdición contencioso administrativa.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo ditou a Sentenza n.º 269/2021, de 30 de decembro, en relación co recurso interposto por FCC AQUALIA S.L. na que se ordenou a execución de investimentos, por un importe total de 1.671.671,22 €, que haberían de ser incrementados cos intereses, desde a data que se indicou na resolución xudicial ( 21 de marzo de 2018).

Contra esta sentenza procedeuse a formular recurso de apelación, tanto por FCC AQUALIA, S.A, como polo Concello de Monforte de Lemos.

“Fai uns meses”, resaltou o Alcalde, “prodúxose un relevo nos responsables de Aqualia en Galicia, e isto fixo posible abrir un novo proceso de diálogo entre a empresa e o Concello”, o cal permitiu acordar o investimento de 1.671.617€ establecidos pola citada sentencia na citada mellora na Rede xeral de abastecemento de auga de Monforte.

O alcalde indicou tamén que “dende o Concello continuaremos con dito recurso de apelación, pero entendemos que é importante que naqueles puntos en que ambas partes, Aqualia e o propio Concello, estean de acordo, se proceda ó seu cumprimento, para non demorar actuacións que creemos son importantes para a nosa cidade, como é o recollido no Preacordo que acabamos de asinar”.

0.19411492347717