O Concello de Monforte licita a reforma e ampliación do edificio municipal da rúa Duquesa

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou hoxe a licitación do contrato para a reforma e ampliación do edificio municipal situado na rúa Duquesa de Alba, número 13. O proxecto ten un orzamento estimado de 120.995,57 euros e un prazo de execución de catro meses.
“O obxectivo deste proxecto é conseguir unhas instalacións novas, máis seguras e confortables para os nosos traballadores, e que permitirán mellorar a planificación e orde na prestación dos diferentes servizos, fronte á situación actual do edificio, que se atopa moi deteriorado”, destacou o rexedor.
O inmoble, con planta baixa e entreplanta, alberga oficinas e almacéns de Protección Civil, persoal de obras, electricistas e medio ambiente, así como diversas zonas de almacenamento, aseos e garaxe para vehículos municipais. Segundo Tomé Roca, a reforma permitirá que os operarios desenvolvan o seu traballo con maior calidade. “Suporá unha mellora significativa nun edificio moi utilizado por operarios municipais, que a partir da reforma poderán desenvolver o seu servizo con maior calidade”.
As actuacións previstas inclúen a ampliación da nave na parte posterior, pintura de estruturas, reposición de carpintería, instalación de portas de aceiro, armarios, barandillas de aluminio e aceiro inoxidable, solado de gres ou tarima, entablado de madeira de castiñeiro, falsos teitos e limpeza integral do edificio. Ademais, o proxecto contempla a instalación de paneis solares fotovoltaicos e un punto de recarga para vehículos eléctricos.
O procedemento de contratación xa está aberto e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 13 de outubro de 2025. A primeira mesa de contratación celebrarase o 15 de outubro ás 9:00 horas, e a segunda, o 22 de outubro ás 9:30 horas.