O Concello de Monforte leva a razón na rescisión do contrato do Parque do barrio do Hospital
O Consello Consultivo de Galicia deulle a razón ó Concello de Monforte na rescisión do contrato do Parque do barrio do Hospital, logo de que a empresa adxudicataria non cumprira co establecido en dito contrato.
En concreto, nas súas conclusións, o Consello Consultivo avala a súa decisión sinalando que “cabe apreciar un suposto incumprimento contractual imputable ao contratista, quen desatendeu de xeito inxustificado a súa obriga de executar as obras no prazo establecido”. Por este motivo, o Consello “informa favorablemente a proposta de resolución deste expediente” avalando así a decisión do Concello de rescindir o contrato establecido coa empresa adxudicataria, Zona de Obras O Rosal S.L..
Para a construción do novo Parque do Hospital, o Concello dispuxo un orzamento de 555.934,16 euros, e establecía un prazo de execución da obra de catro meses. A adxudicación levouse a cabo o 21 de abril de 2021 á empresa Zona de Obras O Rosal S.L., data en que Concello e empresa asinaron o contrato administrativo. A acta de comprobación de replanteo asinouse o 26 de xullo de 2021, co cal a obra tiña que ter finalizado a finais do mes de novembro do pasado ano, concretamente o 26 de novembro do 2021.
O Alcalde, indicou que unha vez se resolva definitivamente o contrato “dende o Concello poderemos volver a sacar a concurso o que queda por executar das obras deste novo parque, e poñelas de novo en marcha, unha vez que sexa adxudicado o novo contrato. Para elo, elaboraremos un novo proxecto no que incluiremos o que resta por facer para finalizar o novo parque”.
INCUMPRIMENTOS DOS PRAZOS
Unha vez asinada a acta de replanteo, que deu comezo ó inicio das obras, dous días antes da finalización do prazo de execución das mesmas, o 24 de novembro de 2011, a empresa adxudicataria presentou ante o Concello unha solicitude de ampliación do prazo de execución do contrato, baseándose “na situación mundial da pandemia, pola que os habituais prazos de fabricación e entrega se viron gravemente afectados”.
A este respecto, o director técnico das obras emitiu un informe de disconformidade, de data 25 de novembro de 2021, no que se refire á ampliación de dito prazo. E na mesma liña, o 9 de decembro dese ano, remite outro informe no que se reflexa o incumprimento dos prazos por parte da empresa adxudicataria, indicando que tamén está a incumprir “coa calidade de execución dos traballos definidos no proxecto”.
O 23 de decembro de 2021, o Alcalde, por avocación, acorda iniciar expediente de resolución do contrato do Parque do Barrio do Hospital, en base ó incumprimento dos prazos por parte do contratista, segundo sinala o artigo 211.1 d) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público. E tamén acordou iniciar o procedemento de incautación da garantía.
A empresa contratista presenta alegacións o 30 de decembro do pasado ano solicitando anular o inicio do procedemento de resolución e de novo solicita que se lle conceda a ampliación do prazo de garantía, aludindo tamén problemas loxísticos no subministro de pedra para o muro do parque, motivado pola covid.
Sen embargo, a Secretaría do Concello informa da correcta tramitación administrativa do proceso de resolución. O 12 de xaneiro de 2022, o Alcalde formula informe-proposta de resolución do contrato, para a súa elevación á Xunta de Goberno Local, remitindo o expediente de razón ó Consello Consultivo de Galicia solicitando o seu preceptivo dictame.
O CONSELLO CONSULTIVO DA A RAZÓN Ó CONCELLO
Este órgano consultivo observa que, no que se refire ós requirimentos formais de resolución de contratos “foron suficientemente cumprimentados nos seus imprescindibles trámites “ polo Concello e lembra, na súa análise pormenorizada do caso, que “do contrato da obra pública nace unha relación obrigatoria cuxo obxectivo principal é o remate da obra en condicións axustadas ás especificacións técnicas previamente establecidas no proxecto”.
Ademais, engade o texto emitido polo Consello Consultivo, “a obra pública non só debe de adecuarse nas súas calidades físicas ó previamente determinado no proxecto, senón que o interese público a cuxa satisfacción se orienta, esixe que a prestación se execute no prazo convido en función das previsións relativas á súa posta en servizo”.
O Consello constata que a empresa non cumpriu co prazo de 4 meses establecido por contrato para a finalización da obra, e subliñou a existencia de atrasos inxustificados recollidos no informe do director de obra: “Concluído o prazo de execución, ningunha das partidas do proxecto foi executada de maneira íntegra, estando a maior parte delas sen iniciar, e sen que nin tan sequera as que se encontran máis avanzadas no seu desenvolvemento (partidas do Capítulo 01: Movemento de terras e do muro de cachotería) superen o 50% do seu total do proxecto.”
Á vista disto, a conclusión do Consello, no seu apartado Cuarto, remarca que “é un feito obxectivo e probado que concorren as causas extintivas invocadas polo informe-proposta, isto é, demora no cumprimento dos prazos”.
En canto ós motivos previdos pola empresa adxudicataria para xustificar o atraso nos prazos e fundamentar a prórroga dos mesmos, o argumento fundamental de Zona de Obra O Rosal, SL para xustificar a falta de execución da obra contratada é que os subministradores non cumpriron cos prazos de entrega do material debido á causa de forza maior palas restricións derivadas da pandemia COVID-19, motivo polo que solicitou a ampliación do prazo de execución.
Tamén invoca outra serie de cuestións que, “ó seu xuízo, afectaron ó normal desenvolvemento das obras, como o atraso na comprobación da implantación do proxecto; a paralización das obras pola aparición dunha arqueta fóra de cota, o que esixiu a realización de traballos fóra do proxecto; a falta de emisión de certificacións mensuais, xa que só existe a certificación nº 1 correspondente aos traballos entre o 26 de xullo e o 15 de setembro; e a imposibilidade de realizar os traballos debido ás inclemencias meteorolóxicas, xa que, sinala, durante 43 días foi imposible traballar ao aire libre”.
En relación con estes aspectos, o Consello Consultivo indica que “é preciso traer a colación o artigo 237 da LCSP, a tenor do cal a execución do contrato de obras comezará coa comprobación da implantación do proxecto (...) o artigo 139.4° y 5° do Real Decreto 1098/2001, de 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento Xeral da Lei de Contratos das Administración Públicas, sinala o acto de comprobación da implantación como o momento idóneo para formular polo contratista as obxeccións ou reservas acerca da viabilidade do proxecto”.
Así pois, cando se confronta o proxecto sobre o terreo, e cando a empresa debe comprobar e indicar os erros materiais emendables que puidese conter o proxecto elaborado pola Administración, algo que a empresa non fixo, tal e como indica o informe do Consello: “as consecuencias do silencio do contratista son moi relevantes, xa que se existe unha conformidade tácita e con posterioridade ao acto de comprobación da implantación, e xa en fase de execución do contrato, maniféstase en sentido contrario”.
Do mesmo xeito, ante a principal argumentación prantexada pola empresa para xustificar o atraso, “a falta de subministro da pedra”, o Consello desestimouna indicando que “deixando á marxe o patente carácter xenérico destas afirmacións , insuficientes para coñecer en que grado os problemas indicados afectaron ó concreto pedido formalizado pola contratista, (...) segundo o informe, as dificultades para o subministro da pedra comezaron no mes de maio de 2021, é dicir, dous meses antes do 26.7.2021, data da acta de formalización da comprobación da implantación do proxecto. Aínda que a contratista sostén nas súas alegacións que nese momento puxo en coñecemento da Administración os graves atrasos no subministro, o certo é que non quedou constancia de que a empresa formulase cuestión ningunha ao respecto”.
E tamén, considera que o informe do director de obra da resposta fundamentada que contradí o resto de argumentacións prantexadas pola empresa.
“En conclusión” sinala o ditame do Consello Consultivo, “atendendo a todo o exposto, cómpre concluír que o contratista non acreditou que as incidencias que impediron a conclusión da obra no prazo previsto fosen propiciadas por circunstancias de forza maior ou, en todo caso, alleas á súa vontade. Pola contra, os informes do director da obra que figuran no expediente sitúan os incumprimentos na esfera da actuación do contratista”.
E engade que “cabe apreciar un suposto incumprimento contractual imputable ao contratista, quen desatendeu de xeito inxustificado a súa obriga de executar as obras no prazo establecido, obriga de carácter esencial e inherente á propia natureza deste contrato, que habilita ó Concello, ao abeiro do artigo 211.1 d) da LCSP para declarar resalto o contrato, como propugna a proposta de resolución sometida a ditame.”
Do mesmo xeito, o artigo 213.3 da LCSP establece que cando o contrato se resolva por incumprimento culpable do contratista lle será incautada a garantía e deberá, ademais, indemnizar á Administración os danos e perdas ocasionados no que excedan do importe da garantía incautada.