O Concello de Monforte lanza unha campaña para mellorar a xestión dos residuos orgánicos

O Concello de Monforte de Lemos pon en marcha unha nova campaña informativa destinada a mellorar a xestión dos residuos orgánicos e a promover a compostaxe doméstica entre a cidadanía. O obxectivo, segundo explicou o alcalde, José Tomé Roca, é seguir avanzando no cumprimento dos requisitos europeos en materia de reciclaxe, dado que case a metade dos residuos que producimos nos nosos fogares cada día son orgánicos.
Tomé lembrou que o Concello implantou hai máis dun ano o colector marrón, destinado exclusivamente á recollida de materia orgánica, e que “xa son un total de 1.995 familias as que participan de forma activa na campaña do colector marrón, pero non é suficiente, por iso queremos facer un chamamento á cidadanía para que máis veciños e veciñas se sumen ao voluntariado marrón”.
A nova campaña incluirá diferentes accións formativas a pé de rúa e nos centros educativos, co fin de sensibilizar sobre a importancia dunha correcta separación dos residuos. Así, o vindeiro mércores, 5 de novembro, instalarase unha carpa informativa na rúa Cardeal entre as 10:30 e as 13:30 horas, onde os veciños poderán coñecer máis de preto o funcionamento do colector marrón e sumarse á iniciativa. Tamén poderán facelo contactando co Concello ou a través dos formularios dispoñibles na web municipal.
Así mesmo, o Concello fai tamén un chamamento especial aos grandes xeradores de orgánica, establecementos de hostalaría e comercio, aos que se informará porta a porta sobre o servizo de recollida desta fracción.
Desde o Concello lembran ademais que hai xa máis dun ano púxose en marcha a campaña de “compostaxe doméstica”, grazas á cal 253 familias dispoñen xa do seu propio composteiro. Agora, o Concello porá a disposición da veciñanza 150 novos equipos de balde. Poderán solicitalos as persoas empadroadas en Monforte que conten cunha finca ou horta de, polo menos, 25 metros cadrados dentro do termo municipal.
Os composteiros entregaranse gratuitamente, e os usuarios deberán comprometerse a facer un uso axeitado deles. Ademais, o Concello realizará visitas de seguimento para resolver dúbidas e garantir o bo funcionamento do programa.
“Desde o equipo de Goberno apostamos decididamente pola conservación do medio ambiente e por dar a coñecer aos nosos veciños as claves para xestionar adecuadamente os residuos que xeramos nos nosos fogares”, subliña Tomé, que reitera a aposta do seu Goberno por “mellorar a saúde ambiental da nosa cidade, poñendo a disposición dos cidadáns todos os medios posibles. Pero sen a colaboración e a implicación dos nosos veciños isto non sería posible”.
“Queremos que os monfortinos obteñan un compost natural que sirva de abono para as súas hortas e plantas, contribuíndo así, mediante boas prácticas ambientais, a lograr unha cidade máis limpa e saudable para todos”, sinalou o alcalde, que anima á cidadanía a sumarse a esta campaña.