O Concello de Monforte lanza a campaña ‘#AIgualdadeÉ’

RibeiraSacraXa
Unha esfera de helio, un vídeo e teatro, algunhas das ferramentas coas que reivindicarán a igualdade polo 8M no municipio
miniatura Programa 8 MARZO Monforte def
4 Mar 2021

Unha esfera xigante de helio, un vídeo e un espectáculo teatral, algunhas das ferramentas coas que reivindicarán a igualdade polo 8M no municipio

O Concello de Monforte e mailo Centro de Información á Muller (CIM) veñen de presentar o programa de accións reivindicativas e de sensibilización que porán en marcha para conmemorar o Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo.

Dado que a actual situación sanitaria condiciona a edición deste ano, o equipo de goberno monfortino ideou a campaña de sensibilización '#AIgualdadeÉ' que inclúe unha serie de "actividades e propostas transformadoras que contribúan a eliminar na nosa sociedade as estruturas machistas e patriarcais que desgraciadamente seguen presentes no fondo de toda estrutura social e política das nosas vidas" pero respectando as medidas de seguridade fronte á covid.

Así, entre os días 5 e 15 de marzo, porase en marcha a campaña de sensibilización coa incorporación de diversos elementos que incluirán mensaxes a prol da igualdade. Neste senso, instalaranse 40 carteleiras-banderolas por toda a cidade, instalarase un vinilo no bus urbano municipal e colocaranse pancartas conmemorativas no Concello, o Centro Cívico e na rúa Cardenal. Ademais, reproducirase un vídeo elaborado desde o Concello de Monforte expresamente para esta data. O traballo, de 1.45 minutos de duración, poderá verse desde o mesmo día 8 nas redes sociais do Concello.

ESFERA DE HELIO

A principal novidade que este ano se incorpora á campaña será a colocación dunha esfera de helio, de 2,5 metros de diámetro, co lema 'Monforte en Igualdade'. A esfera, de cor blanca e coas letras en malva, instalarase na Praza Campo de San Antonio desde o 5 ata o 10 de marzo e iluminarase polas noites.

"Estou segura de que chamará moito a atención dos monfortinos e monfortinas e que contribuirá decisivamente a trasladar o lema da nosa campaña e os obxectivos que perseguimos con ela", explicou a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.

O día 8, a Torre da Homenaxe tamén se iluminará de cor malva. Ese mesmo día, terá lugar a lectura do manifesto, que se fará ás 13.05 horas a través das emisores de radio locais e que se divulgará a través da páxina web e das redes sociais do Concello.

TEATRO

Para pechar o programa de actividades con motivo do 8M, Monforte acollerá o estreo da obra de teatro 'Feminíssimas' da Compañía de Ste Xeito Producións. Será o día 25 de marzo, ás 20.15 horas, no salón de actos do Edificio Multiusos.

A entrada do espectáculo terá un prezo de 5 € para persoas adultas e 3 € para persoas desempregadas e xubiladas.

cartel 8m monforte
0.15766215324402