O Concello de Monforte instará á Consellería de Sanidade a reparar de forma “inmediata” o mamógrafo do Hospital

O Pleno do Concello de Monforte aprobou este luns, na súa sesión ordinaria do mes de febreiro, unha moción presentada por Esperta Monforte na que se reclama á Consellería de Sanidade que se tomen medidas urxentes para garantir a correcta atención sanitaria ás mulleres de Monforte que se realizaron as súas probas cando o mamógrafo do hospital xa estaba estragado e para urxir á súa reparación inmediata. A moción contou cos votos a favor do PSOE e do BNG, mentres que o PP votou en contra.
O grupo municipal Esperta Monforte denunciaba fai unhas semanas a “grave situación” que afectou ao servizo de mamografías do Hospital de Monforte desde decembro, cando o mamógrafo comezou a funcionar de forma defectuosa.
Durante este tempo, as pacientes que necesitaban mamografías por indicación médica, especialmente aquelas derivadas por oncoloxía para o tratamento e seguimento de tumores, foron trasladadas a Lugo debido a que a calidade das imaxes obtidas en Monforte era inadecuada para un diagnóstico fiable.
Porén, sinalaron, “o máis alarmante é que, malia esta avaría, continuáronse realizando mamografías nese mesmo mamógrafo dentro do Programa de Detección Precoz de Cancro de Mama da Xunta de Galicia, a pesar de que o equipo non garantía imaxes de calidade suficientes para unha correcta avaliación”.
Ante esta situación, Esperta Monforte esixe a través da súa proposta “que a Consellería de Sanidade tome medidas urxentes para identificar a todas as mulleres que se someteron a mamografías desde o inicio da avaría e que se lles ofreza a posibilidade de repetir a proba en condicións óptimas”, e “que se garanta a estas pacientes unha revisión prioritaria, dado que calquera erro no diagnóstico podería ter consecuencias graves para a súa saúde”.
Ademais, reclaman a reparación inmediata do mamógrafo do Hospital de Monforte ou a adquisición dun novo, así como restablecer de inmediato o servizo de mamografías no hospital de Monforte, ao fin de evitar que as pacientes teñan que desprazarse a Lugo.
"É inaceptable que, sabendo que o mamógrafo estaba avariado, se continuase a utilizalo para o cribado do cancro de mama. As mulleres da nosa comarca merecen seguridade e garantías na súa atención sanitaria. Por iso, esiximos que se lles localice e se lles dea a oportunidade de repetir as probas", sinalou o voceiro de Esperta Monforte.
Ante esta situación, que xerou unha grande preocupación entre a cidadanía, Esperta Monforte insta a Consellería de Sanidade a actuar con transparencia e responsabilidade.