O Concello de Monforte iniciará este mes as obras de ampliación da rúa Roberto Martínez Andrade

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o Plan de Seguridade e Saúde das obras de prolongación da rúa Roberto Martínez Andrade, que conectará coa rúa Santiago. Este trámite permite dar inicio aos traballos en setembro, segundo confirmou o alcalde, José Tomé.
O proxecto foi adxudicado á empresa Extraco, Construccións e Proxectos S.A., por un importe de 132.190,08 euros e cun prazo de execución de dous meses. A ampliación contempla un tramo de 57 metros de lonxitude e unha superficie de 692 metros cadrados. O novo vial contará con dous carrís de dobre sentido, beirarrúas a ambos os lados e unha liña de aparcadoiro nun deles, ademais da urbanización da rúa xa existente.
Os traballos inclúen tamén a instalación de servizos básicos como saneamento, rede de pluviais, abastecemento, iluminación pública, baixa tensión e telecomunicacións. Nunha primeira fase procederáse á demolición dos peches e dunha pequena construción agrícola na zona afectada. Posteriormente executaranse as beirarrúas, o firme de aglomerado asfáltico e a sinalización horizontal, ademais dun STOP na intersección coa rúa Santiago.
O alcalde subliñou que esta actuación se enmarca na estratexia de modernización de infraestruturas da cidade: “É un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas desde 2015, e que supón seguir mellorando a trama viaria urbana de Monforte”, sinalou. Engadiu ademais que “despois de moitos anos, este Equipo de Goberno conseguimos eliminar outro tapón urbanístico, rematando a urbanización da rúa Roberto Martínez Andrade, igual que fixemos en Rof Codina”.