O Concello de Monforte inicia a renovación do pavimento da rúa Ourense

O Concello de Monforte de Lemos puxo en marcha esta semana as obras de renovación do pavimento da rúa Ourense, un dos viales con maior volume de tráfico da cidade. A intervención, adxudicada á empresa Extraco, Construccións e Proxectos, S.A., conta cun orzamento de 91.657,50 euros e un prazo de execución dun mes.
Os traballos comezaron este luns no treito máis próximo ao entronque coa avenida de Galicia. O proxecto inclúe o fresado completo da vía e a reposición da capa de rodadura ao longo de 620 metros lineais, cun ancho medio de 8,86 metros. Tamén se renovará a sinalización horizontal, coa pintura de marcas viais, símbolos e cebreados. En total, a superficie de actuación abrangue 5.495 metros cadrados, entre a avenida de Galicia e a rúa do Río.
O alcalde, José Tomé Roca, explicou que a intervención responde ao deterioro detectado no firme. Segundo sinala, “trátase dun proxecto de mellora que ven motivado polas eivas que desde o Concello detectamos en canto ao desgaste do seu pavimento nalgunhas zonas, que inciden negativamente nas condicións do tráfico”.
Tomé lembrou ademais a relevancia da rúa Ourense como vía de acceso á cidade. sendo unha das arterias de entrada e de saída de Monforte, polo que conta cun alto volume de tráfico. Por iso, di, “queremos mantela en bo estado”. O rexedor destacou que esta actuación se enmarca no programa municipal de mellora de infraestruturas, que abrangue tanto o ámbito urbano como o rural, e que busca dar continuidade ás intervencións acometidas nos últimos anos.
Segundo subliñou, este proxecto “da continuidade ao desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas da nosa cidade, un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas desde 2015, e que, neste caso, suporá unha mellora moi significativa desta importante via”.