O Concello de Monforte foi recoñecido co premio Vasoira de Platino 2024 pola Ategrus

RibeiraSacraXa
A cidade de Monforte de Lemos recibiu un galardón que se lle concede ás cidades que apoian, premian e difunden o bo saber facer da xestión dos residuos e da limpeza urbana
premio-Vasoira-Platino-Concello-de-Monforte
21 Xuño 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recolleu en Madrid o premio Vasoira de Platino 2024, outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos, Aseo Urbano y Medio Ambiente (ATEGRUS) no marco da Feira TECMA, Feria Internacional de Urbanismo y Medio Ambiente, que se celebrou en IFEMA.

A cidade de Monforte de Lemos recibiu un galardón que se lle concede ás cidades que apoian, premian e difunden o bo saber facer da xestión dos residuos e da limpeza urbana, así comopola elaboración de proxectos e polo desenvolvemento de tecnoloxías que permitan unha xestión sostible do medio ambiente.

O rexedor salienta que “este galardón supón a culminación do traballo ben feito cando no ano 2023 iniciamos o programa de implantación da recollida de lixo orgánico no Concello de Monforte, sendo un dos primeiros concellos da provincia de Lugo en facelo”.

Este premio foi outorgado ó Concello monfortino, tal e como indicaron os responsables de ATEGRUS “polo seu plan de xestión de materia orgánica adaptado ás necesidades dos cidadáns. No ámbito urbano mediante sistema de cubeo, porta a porta, no periurbano a través de contedores con peche de chave e na zona rural entregando composteiros individuais para que, unha vez formados, produzan o seu propio compost".

O certame celébrase desde 1987, cando foi convocado pola UE no Ano Europeo do Medio Ambiente. Monforte xa recibiu previamente a Vasoira de prata, a Vasoira de Ouro, e en 2022, a Vasoira de Platino, a cal volveu a acadar neste ano 2024. Por outra banda, o Concello monfortino conta, nos días nos que se está a desenvolver TECMA, cun stand propio dende o que se dá a coñecer ós visitantes as actividades que en materia medioambiental ven desenvolvendo o Equipo de Goberno monfortino ó longo dos últimos anos, e en especial a desenvolta arredor da recollida da materia orgánica.

Na consecución da que é unha nova Vasoira de Platino para o Concello de Monforte, teñen moito que ver os actuais datos de recollida de materia orgánica que está acadando o Concello.

Neste senso, José Tomé indicou que “estamos levando á planta de San Cibrao das Viñas de media 25.000 quilos ó mes, e tendo en conta que non hai servizo de recollida os domingos, son 1.000 quilos diarios de media os que os monfortinos e monfortinas depositan nos colectores que habilitamos especificamente para elo”.

Tomé salientou igualmente que “somos a cidade que máis recolle, dado que nestes momentos se recolle o mesmo volume de materia orgánica en Monforte como no resto da provincia de Lugo e Ourense xuntas”. En Lugo cidade aínda non se iniciou a recollida selectiva deste tipo de residuo e no norte da provincia, solo está implantado este sistema de recollida en Burela e Viveiro.

“Desde o Equipo de Gobierno deste Concello de Monforte, apostamos decididamente pola conservación do Medio Ambiente e por dar a coñecer ós nosos veciños e veciñas as claves para xestionar adecuadamente os residuos que xeramos nos nosos fogares”, explicou José Tomé. “A nosa pretensión é reducir a xeración de residuos, posto que a fracción orgánica, constitúe case a metade do contido da nosa bolsa de lixo”.

0.50427794456482