O Concello de Monforte e a USC ofrecerán formación universitaria gratuíta para maiores de 50

RibeiraSacraXa
Os seminarios ofertados celebraranse do 19 ao 30 de maio no Centro Cívico e o prazo para inscribirse estará aberto ata o día 15 na Biblioteca Municipal
camiños-de-coñecemento-monforte
2 May 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que xa está aberto o prazo de inscrición para anotarse nunha nova edición do programa de formación universitaria dirixido a maiores de 50 anos, que é froito do acordo que a entidade monfortina estableceu coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), por sexto ano consecutivo.

O programa leva por título “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento” e está composto por diversos seminarios formativos, totalmente gratuítos. Poderá inscribirse neles calquera persoa maior de 50 anos, non sendo necesaria ningunha formación previa específica.

José Tomé salienta que “trátase dun programa, que xa celebramos dende o ano 2020, cun gran éxito de participación nas 5 edicións celebradas, e con el garantimos o dereito de todos os cidadáns ó acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos. Polo tanto, entendemos que a través deste proxecto favoreceremos o achegamento do coñecemento á poboación maior do noso Concello, o que incidirá na mellora da súa calidade de vida e a súa participación social real nos ámbitos rural e urbano”.

Deste xeito, todos os interesados e interesadas poderán formalizar a súa inscrición gratuíta neste programa acudindo á Biblioteca Municipal de Monforte (Praza de España) en horario de mañá e tarde. O prazo permanecerá aberto ata o 15 de maio.

O alcalde de Monforte anima a aproveitar esta nova oportunidade de ampliar coñecementos e compartir experiencias con outras persoas dunha forma cómoda e gratuíta, que incluirá seminarios sobre axuda humanitaria, especies de árbores autóctonas ou megalitismo na Terra de Lemos.

As institucións públicas galegas, como establece a Constitución e o Estatuto de Autonomía de Galicia, teñen a obriga de por os medios para espallar o coñecemento e o saber a toda a sociedade, tanto o coñecemento universal como o local, mais relacionado neste caso coa memoria histórica e social das comarcas e concellos. Neste senso, entidades como a Universidade de Santiago de Compostela e os propios concellos, xogan un papel fundamental, que é o caso destas accións formativas ofertadas.

Así, froito desta necesidade e inquietude que persegue a democratización do coñecemento, o Concello de Monforte renovou o seu acordo coa USC, e co apoio da Deputación de Lugo, para desenvolver na cidade o programa universitario para maiores de máis de 50 anos “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento”.

O programa achega esta formación específica a zonas e sectores da poboación que, por diferentes motivos (xeográficos, económicos …), non poden asistir ó devandito programa de formación para maiores nas instalacións universitarias en cada unha das sedes oficiais da USC. A colaboración co Concello de Monforte, que pon a disposición de docentes e participantes, as instalacións do Centro Cívico, posibilita o desenvolvemento deste programa.

O obxectivo principal deste programa é favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundido o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos nos concellos que se suman a este proxecto. Para elo, desenvólvense accións específicas con obxectivos específicos para revalorizar e profundar no valor do noso patrimonio, concienciar, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día das nosas vidas, recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas nosas emocións e vivencias, adaptar e coñecer as competencias sociosanitarias dos principios de envellecemento activo e acadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación a través do exercicio intelectual que require este tipo de formación.

⚙ Configurar cookies
0.14902710914612