O Concello de Monforte destaca a boa acollida da nova campaña de compostaxe iniciada este mércores

O Concello de Monforte deu comezo esta mañá á campaña “RecicLemos de xeito sostible”, que busca fomentar a separación e correcta xestión da materia orgánica no municipio. O lanzamento tivo lugar na rúa Cardeal, onde se instalou unha carpa informativa para achegar á poboación a importancia do uso adecuado do colector marrón, dedicado exclusivamente á recollida de residuos orgánicos.
No espazo informativo, ademais de repartirse caldeiros para facilitar a separación da materia orgánica nas vivendas, recolléronse tamén solicitudes para composteiros domésticos que o Concello entrega de balde a veciños con hortas ou parcelas dun mínimo de 25 metros cadrados dentro do termo municipal.
Desde o Concello explican que a campaña continuará o vindeiro martes 11 de novembro con dous obradoiros no CEIP A Gándara, e o 24 de novembro, día de feira, cunha carpa informativa no mercado municipal. Estas accións prolongaranse nos próximos meses por diferentes puntos do municipio e nos centros educativos, co obxectivo de “chegar a toda a veciñanza e de sensibilizar á xente nova das vantaxes da compostaxe doméstica e da importancia de facer un bo uso do colector marrón”.
Recordan que o colector marrón xa está implantado nas rúas de Monforte desde hai máis dun ano e que xa son 1.995 as familias monfortinas que participan de forma activa no uso do colector marrón. Por iso, o Concello fai un chamamento para que máis veciños e veciñas se sumen ao “voluntariado marrón”. Ademais, o Concello diríxese tamén aos grandes xeradores de residuos orgánicos, como establecementos de hostalaría e comercio, aos que se informará porta a porta sobre o servizo de recollida.
As persoas interesadas poden darse de alta directamente nas carpas informativas, chamando ao teléfono municipal 982 402 501, acudindo ás oficinas na Praza Campo de San Antón ou a través do formulario en liña.
A campaña inclúe a entrega de 150 novos composteiros domésticos, sumándose aos 253 entregados na iniciativa anterior. Para obter un composteiro, os solicitantes deberán residir en Monforte e contar cun terreo ou horta dun mínimo de 25 m². Os usuarios comprométense a un uso adecuado do composteiro, que será supervisado mediante visitas de seguimento para garantir o seu correcto funcionamento e resolver posibles dúbidas.