O Concello de Monforte dá luz verde a cinco proxectos de mellora nas infraestruturas viarias do municipio

RibeiraSacraXa
Trátase da renovación do firme da rúa Ourense e da pavimentación de camiños nos núcleos de Ribas Altas, Sindrán e A Candeda, así como da substitución das pérgolas da Praza Ponte Fontecha e da rúa Reboredo
proxecto-pergolas-monforte
8 Oct 2025

O Concello de Monforte de Lemos asinou esta semana as actas de replanteo e inicio de obra dun total de cinco proxectos que afectan ao viario municipal e á estética da cidade, cunha inversión aproximada de 400.000 euros, e que comezarán nos próximos días. Os traballos consistirán na mellora da pavimentación en varios camiños municipais de Ribas Altas, Sindrán e A Candeda, e na substitución das pérgolas da Praza de Ponte Fontecha e da rúa Reboredo.

Todas estas actuacións, explica o alcalde José Tomé Roca, “enmárcanse no programa de mellora de infraestruturas e equipamentos urbanos da cidade”. No caso dos traballos de pavimentación, o rexedor destaca a importante renovación que se está realizando no viario municipal, mentres que a substitución das pérgolas forma parte da liña de mellora de infraestruturas e mobiliario urbano que, xunto co proxecto de reforma do Parque da Compañía, no que se invisten máis de 272.000 euros, e o proxecto de urbanización da zona D, adxudicado por 420.000 euros e actualmente en obras, cambiarán a fisonomía do centro da cidade.

O proxecto na rúa Ourense, adxudicado a Extraco por 91.657,50 euros, inclúe o fresado completo da vía e a reposición da capa de rodadura ao longo de 620 metros, cun ancho medio de 8,86 metros, ademais da renovación da sinalización horizontal. A superficie total de actuación é de 5.495 m².

En Ribas Altas, a intervención en varios viais de 1.895 metros de lonxitude e 8.160 m² de superficie, por un importe de 144.055,34 euros, contempla tamén a mellora do acceso central desde a zona recreativa ata a estrada provincial, o ensanchamento de tramos e a creación dunha zona verde con arboredo, céspede e mobiliario urbano. Tomé destacou a “necesidade dunha actuación completa” debido ao deterioro do firme.

Pola súa banda, a mellora de camiños en Sindrán e A Candeda, adxudicada a OPAGA003 SL por 87.412,66 euros, abarca 4,735 km de vías rurais moi utilizadas por maquinaria agrícola e forestal, cuxo firme se atopa en mal estado e require rexeneración.

No centro da cidade, os traballos de substitución de pérgolas na Praza Ponte Fontecha e na rúa Reboredo, adxudicados a Extraco S.A. por 64.180,65 euros e cun prazo de execución de tres meses, consisten na instalación de estruturas de aceiro inoxidable e madeira, máis duradeiras que as actuais. Sobre estas actuacións, o alcalde sinalou que “suporá unha mellora moi importante na estética da cidade, no centro mesmo de Monforte”.

⚙ Configurar cookies
0.075320959091187