O Concello de Monforte convoca tres concursos no marco da Feira Medieval
As persoas que queiran participar destes concursos teñen ata o 4 de abril para apuntarse.
No marco da XIX Feira Medieval de Monforte que terá lugar os vindeiros 8 e 9 de abril no municipio, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou que poñen en marcha tres concursos e quen queira apuntarse poderá facelo ata o 4 de abril no Rexistro Xeral do Concello.
O obxectivo é animar aos monfortinos e visitantes a implicarse na Feira Medieval e ser protagonistas activos da mesma. Para estes tres concursos, o Concello destina máis de 2.000 euros en premios.
“Coa convocatoria destes concursos e coa organización da Feira Medieval, na que xa estamos inmersos, seguimos levando adiante as actividades propias do calendario anual de eventos do noso Concello, cumprindo así co noso compromiso de volver a recuperar a normalidade fronte a covid-19”, recordou o rexedor monfortino.
Concursos
- VII Concurso de Decoración de Balcóns
O obxectivo deste concurso é premiar os tres mellores balcóns que polo seu enxeño e ambientación medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar aos monfortinos e aos á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.
Neste concurso poderán participar todos os balcóns sitos na cidade de Monforte.
Tanto a temática como o deseño da decoración será acorde coa época medieval e deberán permanecer ambientados como mínimo do 6 ao 9 de abril.
Este concurso determinará 3 gañadores: o primeiro clasificado recibirá 100 euros, o segundo 75 e o terceiro 50.
A decisión do xurado sobre os 3 gañadores do concurso de balcóns e a entrega de premios farase pública o domingo 9 de abril ás 19.00 horas na Praza de España.
Os membros do xurado valorarán a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados na decoración dos balcóns.
- VIII Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros
O obxectivo deste concurso é premiar os tres mellores establecementos que polo seu enxeño e ambientación medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar aos monfortinos e á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.
Neste concurso poderán participar todos os establecementos comerciais e hostaleiros sitos na cidade de Monforte e tanto a temática como o deseño da decoración será acorde coa época medieval.
Os establecementos comerciais participantes deberán permanecer ambientados como mínimo do 6 ao 9 de abril de 2023, datas nas que o xurado visitará os establecementos comerciais e hostaleiros inscritos.
Este concurso determinará 3 gañadores: o primeiro clasificado recibirá 200 euros, o segundo 100 e o terceiro 75.
A decisión e entrega de premios do xurado sobre os 3 gañadores do concurso farase pública o domingo día 9 de abril ás 19.00 horas na Praza de España.
Para elixir aos gañadores, o xurado terá en conta a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade, os materiais utilizados e a adecuada conxunción dos artigos comerciais do escaparate coa decoración medieval.
- IX Concurso de Traxes Medievais
O obxectivo deste concurso é premiar aos mellores traxes medievais que luzan os participantes inscritos, e así incentivar tanto nos monfortinos e nas monfortinas, coma nos visitantes, a súa participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.
Esta actividade realizarase dentro do programa de actos da XIX Feira Medieval o día 9 de abril de 2023.
Os participantes no concurso concentraranse na Praza de España (a carón do Cruceiro) onde estará situado o xurado, ás 17.00 horas do domingo 9 de abril.
A decisión do xurado sobre os tres gañadores do concurso de balcóns farase pública o mesmo domingo dia 9 ás 19.00 h na Praza de España.
Os gañadores serán determinados en función de que os seus traxes foran realizados artesanalmente, da súa elaboración, da riqueza en complementos, da posta en escena, do material utilizado e do seu rigor histórico.
Tamén se valorará a permanencia do participante co traxe posto durante os actos organizados durante a Feira Medieval, contribuíndo á animación do mercado coa súa presenza.
Premios
Os aboamentos dos diferentes premios serán tramitados polo Concello de Monforte de Lemos, a través dunha transferencia bancaria.
Previamente será necesario a presentación do certificado bancario cun número da conta do titular e xustificación nos termos sinalados nestas bases.
Non poderá realizarse o pagamento do premio mentres o beneficiario non se atope ó corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias ou coa seguridade social ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.