O concello de Monforte colabora no deseño do cupón da Romaría de San Mateo, que será sorteado maña
O deseño do Cupón que a Organización Nacional de Cegos Españois adica este ano á romaría do San Mateo conta coa colaboración do concello de Monforte.
A Romaría do San Mateo, ten lugar como cada ano o 21 de setembro na parroquia monfortina de A Parte.
“Con motivo desta celebración”, explica o alcalde “a ONCE e concello de Monforte traballamos no deseño dun cupón dedicado a esta Romaría que se sorteará o martes 20 de setembro, un día antes da celebración de dito evento”.
O cupón contará cunha tirada de 5 millóns para toda España.
PROTAGONISTA
No deseño a protagonista é a imaxe do santo, do San Mateo, da igrexa da Parroquia de Santa María de A Parte, á cal pertence a Diocese de Lugo. Xunto a ela, tamén foi incluído o escudo do concello de Monforte.
“Neste senso, teño que agradecer a esta Diocese, e en concreto, ao Delegado Episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico, D. José Antonio Ferreiro Varela, que nos facilitara os permisos necesarios para poder realizar a fotografía que protagoniza este cupón”, sinala José Tomé.
“Tamén agradecemos as facilidades dadas polo párroco desta parroquia, D. José Luis Vázquez Coego, á hora de levar a cabo a sesión fotográfica”.
O alcalde tamén subliña a importancia publicitaria que esta iniciativa terá para o concello e para a propia romaría, pois admite que “dende o momento no que salga a venta o cupón, Monforte de Lemos, a Ribeira Sacra e o sur da provincia de Lugo contarán cun importante elemento de promoción e de difusión en toda España”.
Por todo elo, José Tomé reitera o “agradecemento á ONCE por render homenaxe a unha das nosas romarías máis senlleiras e dala a coñecer en toda España a través deste cupón. E desexar que o sorteo toque en Monforte, porque iso xa sería unha noticia que nos enchería de alegría”.
Pola súa banda, o Delegado Territorial da ONCE en Galicia agradece ao alcalde “a acollida en Monforte deste proxecto e que favorecera o deseño deste cupón”.
“A ONCE”, engade Manuel Martínez, “súmase á promoción e á posta en valor do patrimonio cultural e da tradición dunha romaría tan relevante como o é a romaría de San Mateo”.
O cupón é “a mellor tarxeta de presentación social” da ONCE xa que leva “máis de 80 anos, dende 1938, xerando a través del oportunidades de vida para persoas con discapacidade. O cupón é símbolo de inclusión”.