O Concello de Monforte chama á cidadanía a erguer a voz contra a violencia machista

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, chama á poboación a sumarse ao acto central con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, que se celebra este martes. “Erradicar a violencia de xénero e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obriga que necesita o compromiso de todas e todos os cidadáns, todos os días do ano”, destacou o rexedor.
O acto principal terá lugar mañá martes, ás 12:00 horas, na Praza do Concello. Alí levarase a cabo unha concentración seguida da lectura do manifesto a cargo da concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López Rodríguez. Posteriormente, desenvolverase a performance “Semprevivas”, dirixida por Francisca Abeledo. Esta iniciativa, na que participarán mulleres de Monforte, busca homenaxear ás vítimas de violencia de xénero, apoiar a quen aínda sofre estas violencias e enviar unha mensaxe clara de rexeitamento aos agresores, ademais de sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de erradicar esta lacra para construír un futuro en igualdade e libre de violencias.
O acto contará coa presenza de alumnado de Educación Primaria, que participará activamente na conmemoración. Ademais, repartirase material de sensibilización serigrafiado co lema da campaña “Monforte en Negro contra as violencias”.
Esta tarde, na sesión ordinaria do pleno municipal de novembro, aprobarase unha declaración institucional de condena e rexeitamento á violencia machista.
O Concello organizou un amplo programa de actividades arredor do 25-N que comezou o 10 de novembro con obradoiros nos centros educativos e finalizará o 4 de decembro cunha representación teatral no Edificio Multiúsos. Entre as iniciativas inclúese a difusión de cartelaría específica, pancartas conmemorativas instaladas na Casa do Concello e no Centro Cívico, e un vinilo no bus urbano para promover a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero e a convocatoria á concentración.
Os obradoiros educativos incluíron “Machismo Game Over”, dirixido ao alumnado de 6º de Primaria, que busca revisar os roles de xénero e fomentar unha mirada coeducativa e igualitaria. Así mesmo, esta semana desenvólvese o obradoiro “Desmontando a violencia machista. Pensa. Cuestiona. Responde” para alumnado de 4º de ESO, impartido pola psicóloga Paula Sánchez, especialista en igualdade e violencia de xénero, en varios centros educativos da cidade.
O 27 de novembro celebrarase a segunda sesión do curso de Defensa Persoal Feminina no Centro Cívico, destinado a dotar ás participantes de ferramentas para previr situacións de violencia.
O programa cultural inclúe actividades para sensibilizar o público a través das artes escénicas. O pasado domingo 23 celebrouse na Casa da Cultura o concerto-contacontos “Cambia o conto”, a cargo do trío Música Miúda.
Ese mesmo 27 de novembro, ás 20:15 horas, no Edificio Multiúsos, terá lugar a representación teatral “Insumisa”, da compañía Antagonista Teatro, incluída na programación da Rede de Teatros e Auditorios e coordinada polo CIM municipal. A obra, escrita por Jose Vaquero e dirixida por Marta Alonso e Pepe Domínguez, conta cun elenco formado por Iria Sobrado, Jose Vaquero e Javier Octavio de Toledo.
Finalmente, o xoves 4 de decembro, tamén no Edificio Multiúsos e dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en colaboración coa Concellería de Cultura, representaráse a obra “Helen Keller, ¿a muller marabilla?”, do Grupo Chévere, escrita e dirixida por Xron, con Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez e Chusa Pérez de Vallejo no reparto.
O prezo das entradas para ambas funcións é de 5 euros para o público xeral e 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.