O Concello de Monforte celebrará este martes o sorteo público do Programa Activa

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou que o sorteo público de prazas do Programa Activa 2025-2026 terá lugar o martes 14 de outubro ás 10.00 horas no salón de actos do Centro Cívico-Social, situado no Paseo do Malecón.
Segundo explicou o rexedor, o procedemento realizarase conforme ao punto 7º das bases reguladoras do programa, que establece o sorteo como método de adxudicación cando exista máis demanda que prazas dispoñibles. As persoas participantes recibirán un número por solicitude, diferenciándose entre prazas ordinarias e prazas reservadas para persoas con discapacidade. Nas actividades que conten con vacantes, as prazas asignaranse por orde de inscrición.
O xoves 16 de outubro publicaranse as listaxes de persoas con praza e as listas de agarda, tanto na web municipal como no taboleiro do Centro de Servizos Sociais. As actividades desenvolveranse desde o 20 de outubro ata o 12 de xuño de 2026.
O sorteo abranguerá a maior parte das disciplinas ofertadas, como bailes de salón, cerámica, competencias dixitais avanzadas, costura, ioga, taichi ou ximnasia, entre outras. Non se realizará sorteo en actividades que contan con prazas libres, como Bailes Latinos de Iniciación ou Informática Básica.
O Programa Activa está dirixido principalmente a persoas maiores de 55 anos e ten como obxectivo “favorecer o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida dos adultos maiores”, fomentando o benestar psicosocial e o encontro interxeracional. O Concello destina a esta edición unha partida de 60.000 euros e oferta un total de 652 prazas. Todas as actividades son gratuítas para os veciños e veciñas de Monforte, e están subvencionadas ao 100% polo Concello.