O Concello de Monforte avanza na elaboración do IV Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal

RibeiraSacraXa
A elaboración do IV PlOM iniciouse no mes de abril deste 2025 co obxectivo de impulsar unha verdadeira transformación social en Monforte, garantindo que a igualdade sexa un principio real e transversal en todas as políticas municipais
mesa-traballo-pola-igualdade
Mesa de traballo para o IV Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal
25 Oct 2025

O Salón de Plenos do Concello de Monforte acolleu este venres unha Mesa de traballo para avanzar na confección do IV Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal (PIOM), coa participación de representantes políticos, persoal técnico e axentes socioeconómicos da localidade.

O encontro contou coa presenza da Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, así como de membros do Centro de Información á Muller (CIM) e doutros departamentos municipais. Tamén asistiron os Concelleiros e Concelliras de Sanidade, Drogodependencias, Tráfico e Mobilidade, Pilar Espinosa; Deportes, José Manuel Mougán; Consumo, Regina López, e Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, así como outros membros da Corporación Municipal.

A elaboración do IV PIOM, lembran dende o equipo de Goberno comezou no mes de abril, tras a avaliación do anterior plan, e está a desenvolverse cun equipo mixto formado por persoal municipal e a consultora SECES CIT, SL, especializada en xénero e igualdade. O obxectivo é, segundo explicou o goberno local, “xerar un proceso de reflexión, sensibilización e aprendizaxe social en torno á igualdade”.

Durante a Mesa de traballo, presentáronse os resultados da diagnose previa realizada a través de enquisas ao persoal municipal, representantes políticos e veciñanza, e expuxéronse as áreas estratéxicas de intervención que marcarán as liñas de actuación nos próximos anos. Entre elas destacan a prevención da violencia de xénero, a conciliación e corresponsabilidade, o emprego e a formación, a saúde e o benestar, así como a participación social, a educación e o urbanismo. Tamén se estableceu unha metodoloxía e un calendario para a recepción de achegas, coa finalidade de fomentar a participación cidadá no proceso.

Unha das claves na elaboración deste plan, destacan dende o Concello, é o proceso participativo que precisa das aportacións de tódalas persoas implicadas. Neste marco de colaboración, as achegas realizadas no desenvolvemento da Mesa de traballo por parte do persoal político, das traballadoras e traballadores das distintas áreas e departamentos municipais, dos axentes socioeconómicos e de toda a cidadanía monfortina son, salientan, de gran importancia dada a súa experiencia, coñecementos e competencias no seu ámbito.

A elaboración do IV PlOM iniciouse no mes de abril deste 2025, trala avaliación o ano pasado do III Plan de Igualdade entre mulleres e homes. Para elo, conformouse un equipo de traballo mixto con persoal do CIM e técnicos da consultora externa especialista en xénero e igualdade, SECES CIT, SL, e requeriuse a participación da sociedade co fin de xerar un proceso de reflexión, sensibilización e aprendizaxe social en torno á igualdade.

Esta nova fase do Plan supón, segundo o goberno municipal, a continuidade do compromiso adquirido polo alcalde José Tomé e o seu equipo “na loita pola igualdade de trato e oportunidades reais e efectivas entre homes e mulleres no ámbito local”. “O reto está non só en dotar ao Concello de Monforte dun instrumento de guía para os próximos anos en materia de igualdade, senón en conseguir un compromiso coa igualdade no que se implique todo o municipio”, subliñou o alcalde.

O Concello aspira, a través deste IV Plan, a impulsar unha verdadeira transformación social en Monforte, mellorando a calidade de vida da súa cidadanía e garantindo que a igualdade sexa un principio real e transversal en todas as políticas municipais. O que se pretende por tanto, é xerar un proceso de reflexión, sensibilización e aprendizaxe social, na medida na que se fomenta o establecemento de canles de participación para que a cidadanía monfortina poida transmitir a súa sensibilidade en materia de igualdade efectiva entre homes e mulleres no ámbito local.

⚙ Configurar cookies
0.069125175476074