O Concello de Monforte anuncia que o traspaso da Unidade Asistencial de Drogodependencias ao Sergas farase efectivo 1 de xaneiro

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, confirmou este martes o traspaso da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), en cumprimento do acordo alcanzado na Comisión Mixta Xunta-Fegamp. A proposta será votada nun pleno extraordinario que se celebrará mañá, mércores 10 de decembro, e que incluirá este punto como único na orde do día.
O acordo plenario é un paso imprescindible para completar a cesión á Xunta dos servizos que presta a unidade, así como dos medios persoais e do equipamento. Tomé subliña que a integración da UAD no Sergas “asegura a continuidade e estabilidade do servizo” e lembra que este cambio chega tras “intensas negociacións entre a Fegamp en representación dos concellos e a Xunta”, tendo en conta que a Consellería de Sanidade é a competente en materia sanitaria.
A decisión pon fin a unha reivindicación histórica de trece municipios galegos —entre eles Monforte de Lemos, Burela, Cangas, Carballo, Vigo, Noia, O Grove, Ourense, Pontevedra, Porriño, Ribeira, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa— que ata agora asumían servizos de atención ás drogodependencias, malia seren competencia autonómica.
No caso de Monforte, a UAD municipal atende tamén concellos do sur de Lugo e parte da provincia de Ourense. Entre eles, municipios como Bóveda, Chantada, Folgoso do Courel, Pantón, A Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao ou Sober, ademais de varias parroquias do Concello do Inicio. En Ourense, o servizo abrangue localidades como O Barco, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras ou A Veiga.
A proposta que se someterá a votación recolle o traspaso tanto das funcións asistenciais como do persoal: catro traballadores fixos (directora-enfermeira, educadora, traballadora social e auxiliar administrativo) e unha psicóloga interina. Inclúense tamén tres prazas vacantes de psiquiatra, monitor de tempo libre e psicóloga.
En canto ás instalacións, situadas na Praza da Estación, o inmoble é propiedade de ADIF e está alugado polo Concello desde 2017. O traspaso implica tamén ceder ao Sergas o contrato de arrendamento, que se encargará das relacións co administrador ferroviario.