O Concello de Monforte anuncia modificacións no servizo de recollida de lixo para os días de Noiteboa e Fin de Ano

O Concello de Monforte de Lemos informou de modificacións no servizo de recollida de residuos con motivo das celebracións da Noiteboa e do Fin de Ano, co obxectivo de facilitar a conciliación do persoal encargado do servizo.
Segundo explica o Concello, os días 23 e 30 de decembro os colectores habilitados habitualmente para a recollida permanecerán na vía pública ata o inicio do servizo dos días seguintes, 24 e 31 de decembro. Nestas dúas xornadas, a recollida adiantarase e realizarase entre as 15.00 e as 19.00 horas.
Este cambio horario afectará tanto á recollida da fracción resto como ao servizo de retirada de cartón porta a porta no casco urbano de Monforte, incluíndo a recollida dos residuos e dos propios colectores.
Por outra banda, os días 25 de decembro, 1 de xaneiro e 6 de xaneiro de 2026 o servizo funcionará cos horarios e prestacións habituais dos domingos e festivos.
Desde a Concellería de Medio Ambiente lamentan as posibles molestias que estes cambios poidan ocasionar e solicitan a colaboración da cidadanía. O servizo de recollida de lixo retomará o seu funcionamento habitual unha vez finalizadas as datas festivas.