O Concello de Monforte anuncia axudas directas de 2.000 euros a hostaleiros

RibeiraSacraXa
A convocatoria publicarase na primeira quincena de abril e as axudas, ata un valor total de 200.000 euros, concederanse por orde de entrada das solicitudes.
monforte
31 Mar 2021

O Concello de Monforte anunciou este mércores a posta en marcha do segundo Plan Reactiva para a Hostalería, dotado con 200.000 euros. Trátase dunha liña de axudas directas ás que poderán optar todos os negocios do sector hostaleiro con domicilio fiscal no municipio.

O alcalde monfortino, José Tomé, explicou que, segundo os datos que manexan, en Monforte hai 98 establecementos hostaleiros, "polo que no caso de que solicitaran todos as axudas, o gasto total sería de 196.000 euros". De aí que o Concello establecese para este plan unha partida de 200.000 euros.

“Concederemos unha contía fixa de 2.000 euros ás pequenas empresas, isto é, autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia, que sexan titulares de establecementos de hostalería, é dicir bares, restaurantes, cafeterías, con domicilio fiscal en Monforte, que estiveran abertos ao público antes do día 1 de xaneiro de 2021”, aclarou Tomé.

Con estas novas axudas á hostalería, o goberno local pretende "paliar os prexuízos" que para os hostaleiros supuxo ter que pechar de xeito temporal desde o día 27 de xaneiro, atendendo ás medidas establecidas pola Xunta de Galicia como consecuencia da evolución da pandemia da covid, "unha limitación á hostalería por parte do goberno do señor Feijóo que non veu acompañada nese momento das axudas económicas que lle prometeran a este sector”, criticou o rexedor.

AS SOLICITUDES

O prazo de presentación de solicitudes para estas axudas será de trinta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP), que se levará a cabo na primeira quincena do mes de abril. Se o último día de prazo coincide en sábado, domingo ou festivo, pasará ao día hábil inmediatamente posterior.

As solicitudes presentaranse a través da sede electrónica no Concello de Monforte ou de forma presencial no Rexistro Xeral, incluíndo o correspondente modelo de solicitude normalizado así como toda a documentación que a convocatoria require.

A concesión da subvención efectuarase en réxime de concorrencia non competitiva e a resolución das axudas realizarase por rigorosa orde de entrada. O prazo máximo para resolver e notificar a concesión da axuda será de tres meses a contar dende o día seguinte á finalización do prazo de presentación das solicitudes.

0.13362002372742