O Concello de Monforte adxudica as obras de mellora do pavimento da rúa Ourense

RibeiraSacraXa
Os traballos contan cun investimento de máis de 91.000 euros e pretenden mellorar a seguridade e a funcionalidade dun dos eixos principais de circulación urbana
tome-proxecto-rua-ourense-monforte
12 Sep 2025

O Concello de Monforte de Lemos inicia a renovación do pavimento da rúa Ourense, unha das principais arterias de entrada e saída da cidade, tras a adxudicación do contrato á empresa Extraco, Construccións e Proxectos, S.A., por un importe de 91.657,50 euros.

O Alcalde, José Tomé Roca, destacou que “trátase dun proxecto de mellora que ven motivado polas eivas que desde o Concello detectamos en canto ó desgaste do seu pavimento nalgunhas zonas, que inciden negativamente nas condicións do tráfico”. Engadiu que a rúa Ourense “é unha das arterias de entrada e de saída de Monforte, polo que conta cun alto volume de tráfico e así, queremos desde o Equipo de Goberno, mantela en bo estado”.

Os traballos, que terán unha duración estimada dun mes, inclúen o fresado da superficie existente e a reposición da capa de rodadura ao longo de 620 metros lineais, cun ancho medio de 8,86 metros. Ademais, renovaranse as marcas viarias, símbolos e cebreados, en total unha superficie de actuación de 5.495 metros cadrados entre o entronque coa Avenida de Galicia e a rúa do Río.

O rexedor subliña que este proxecto “da continuidade ao desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas da nosa cidade, un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas desde 2015, e que, neste caso, suporá unha moi significativa mellora deste importante vial”.

Coa intervención, o Concello pretende mellorar a seguridade e a funcionalidade dun dos eixos principais de circulación urbana, reforzando ao mesmo tempo a calidade dos espazos públicos da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.16331887245178