O Concello de Monforte adquire o edificio de Sargadelos na Praza de España por 300.000 euros

O Concello de Monforte vén de adquirir o edificio da antiga sede de Sargadelos na Praza de España, nº 2, ao carón da Casa da Cultura Lois Pereiro. A adquisición, segundo informou o alcalde, José Tomé Roca, quedou aprobada de maneira definitiva na Xunta de Goberno Local por un importe total de 300.000 euros.
Con esta operación, o inmoble pasa a integrarse no patrimonio municipal, xa que se atopa dentro do ámbito do Conxunto Histórico-Artístico de Monforte, declarado Ben de Interese Cultural. A partir de agora formará parte do inventario de bens do Concello.
O edificio, construído en 1974, conta con baixo e tres plantas, está situado entre medianeiras e non dispón de parcela traseira.
No seu último uso, a planta baixa e a primeira destinábanse a actividade comercial, mentres que as plantas segunda e terceira acollían oficinas. A superficie do solar é de 106 m², e o inmoble suma 402 m² construídos, distribuídos en 106 m² na planta baixa, 100 m² na primeira e 98 m² tanto na segunda como na terceira.
A edificación está suxeita ao Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico, aprobado en 2020 e en vigor desde abril de 2021. En canto ao seu uso futuro, o alcalde sinalou que aínda non está definido, aínda que avanzou que o máis probable é que contribúa a reforzar as dotacións municipais.