O Concello de Monforte acollerá o 28 de agosto o ciclo musical Monforte Fusión
O Concello de Monforte acollerá este mércores, 28 de agosto, a celebración do ciclo musical Monforte Fusión, que no ano 2022 foi unha actividade novidosa dentro do programa do Verán Cultural do Concello e que este ano alcanza a súa terceira edición, dado o éxito colleitado.
O ciclo, organizado polo Equipo de Goberno e que conta co apoio do Plan Deputación de 2024 de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo, suporá a celebración de dúas actuacións musicais na Praza de España.
Así, ás 22.00 horas terá lugar a actuación de A lo cubano, grupo musical interactivo creado para difundir a boa música cubana e de fusión, cun repertorio que abarca o son, a salsa, a bachata, o merengue, o boleiro ou o chachachá. E ás 01.00 horas será a quenda de Cherry Sweet. As integrantes desta banda unirán música de todos os tempos co estilo divertido, orixinal e elegante do swing dos anos cincuenta. É unha banda formada por tres vocalistas cuxos arranxos vocais están dirixidos pola extraordinaria Sabela Cereijo.