O Concello de Monforte acelera o desbroce nas parroquias rurais antes da chegada de agosto

O Concello de Monforte de Lemos está a ultimar os traballos de roza e limpeza de vías, camiños e outras superficies de titularidade municipal repartidas polas 26 parroquias do municipio. Segundo informou o alcalde, José Tomé Roca, os labores comezaron o pasado 2 de xuño e avanzan a bo ritmo, polo que se agarda que estean finalizados na primeira semana de agosto, tal e como estaba previsto.
O rexedor destacou que, a diferenza doutras administracións, en Monforte optouse por adiantar o inicio da campaña de desbroce para principios de xuño. “A maleza medra con forza nestas datas, polo que consideramos fundamental anticiparnos para facilitar o tránsito tanto de vehículos como de peóns, mellorar o acceso a vivendas e leiras, e garantir unhas boas comunicacións no ámbito rural”, explicou.
Ademais da mellora da mobilidade, outro dos obxectivos principais destas tarefas é a prevención de lumes forestais. “Agosto é un mes especialmente sensible debido ás altas temperaturas e ao incremento de visitantes, polo que é clave ter as zonas rurais limpas”, engadiu Tomé Roca.
A intervención abrangue un total de 95 hectáreas de camiños municipais. Para iso, o Concello adxudicou un contrato bianual cun importe total de 43.997,80 euros (IVE incluído), o que supón un investimento anual de aproximadamente 22.000 euros.
Os traballos consisten na roza mecánica da vexetación, coa creación dun galibo libre de cinco metros a ambos lados das vías. Están a utilizarse tres tractores agrícolas e forestais equipados con desbrozadora lateral e arrastrada, e contan cun equipo de tres operarios.
Para axilizar a intervención, o Concello reforzou o dispositivo coa colaboración da empresa FCC, concesionaria do servizo municipal de limpeza viaria, que tamén está a participar nas tarefas de desbroce en distintas zonas.
Actualmente, só restan tres parroquias por completar, polo que desde o Executivo local considérase que se cumprirá o calendario previsto, malia as dificultades derivadas das elevadas temperaturas rexistradas este verán.