O Concello de Monforte abre un prazo extraordinario para completar as prazas vacantes no programa Activa

RibeiraSacraXa
As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro luns, 20 de outubro, cando está previsto que comecen as clases
monforte-sorteo-programa-aactiva
16 Oct 2025

O Concello de Monforte de Lemos fixo públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas no Programa Activa, correspondentes ao sorteo celebrado o pasado 14 de outubro. A información pode consultarse na páxina web municipal, segundo anunciou o alcalde, José Tomé.

As actividades darán comezo o luns 20 de outubro, agás as de Ximnasia Acuática 1 e 2, que se iniciarán cando reabra a piscina municipal. Neste caso, explican dende o Concello, o Servizo de Benestar Social contactará coas persoas admitidas para comunicarlles a data exacta de inicio.

Unha vez finalizado o proceso ordinario de adxudicación, ficaron prazas vacantes en cinco talleres, polo que o Concello abre un prazo extraordinario de inscrición ata completar o número dispoñible. En total, hai 18 prazas libres repartidas entre actividades para maiores de 55 anos e para persoas maiores de 16.

Entre elas destacan os obradoiros de Competencias dixitais para uso cotián intermedio, Informática básica, Manualidades, Bailes latinos (nivel iniciación) e Costura creativa.

Tamén se lembra que algunhas actividades contan cunha lista de agarda reducida (de cinco persoas ou menos), como as de Ioga, Conservando a memoria ou Bailes latinos de perfeccionamento. Para garantir a cobertura das prazas en caso de baixas, estas listas actualizaranse seguindo a orde de entrada no Rexistro municipal e aplicando criterios de prelación.

O prazo extraordinario de solicitude permanecerá aberto desde o luns 20 de outubro ás 9:00 horas ata o venres 24 ás 14:00 horas. As persoas interesadas deberán dirixirse á Secretaría dos Servizos Sociais para obter información sobre as prazas dispoñibles e formalizar a súa inscrición, empregando o modelo oficial establecido polo Concello.

⚙ Configurar cookies
0.072959899902344