O Concello de Monforte abre o prazo para participar dos tres concursos da XX Feira Medieval
Abre o prazo para participar nos tres concursos convocados polo Concello de Monforte co gallo da XX Feira Medieval, aos que se poderán apuntar todas as persoas interesadas ata o vindeiro 26 de marzo no Rexistro Xeral do Concello, xa que a Feira celebrarase o 30 e 31 de marzo de 2024.
Tras convocar o pasado mes de xaneiro o Concurso de axudas para a confección de traxes medievais e tras abrir o prazo tamén para solicitar a participación na mesma (postos de alimentación, artesanía e comercio), o equipo de Goberno convoca estes tres concursos co obxectivo de animar aos monfortinos e visitantes a implicarse na Feira Medieval e ser protagonistas activos da mesma.
Para estes tres concursos, o Concello destina máis de 2.000 euros en premios, co fin de "dinamizar e potenciar a participación e desenvolvemento da Feira Medieval de Monforte, que este ano 2024 chega á súa vixésima edición, despois da cal xa poderemos solicitar a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, que esperamos ter recoñecida pola Xunta para a 21ª edición de 2025”, destaca o rexedor monfortino.
VIII Concurso de Decoración de Balcóns
O obxectivo deste concurso é premiar os tres mellores balcóns, así como fachadas, ventás, ou entradas de casas e edificios, que polo seu enxeño e ambientación medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar os monfortinos e os visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.
Neste concurso poderán participar todos os balcóns, fachadas, ventás, ou entradas de casas e edificios sitos na cidade de Monforte. Tanto a temática como o deseño da decoración dos balcóns será acorde coa época medieval.
Os balcóns participantes deberán de estar ambientados acorde coa época medieval como mínimo do 28 ao 31 de marzo de 2024. O xurado valorará a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados.
Este concurso determinará tres gañadores: o primeiro clasificado recibirá 100 euros, o segundo 75 e o terceiro 50 euros e a decisión do xurado sobre os tres gañadores do concurso de balcóns farase pública o domingo 31 de marzo ás 19.00 horas na praza de España.
IX Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros
A finalidade deste concurso é premiar os tres mellores establecementos que polo seu enxeño e ambientación medieval merezan a consideración do xurado, e así incentivar os monfortinos e os visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.
Neste concurso poderán participar todos os establecementos comerciais e hostaleiros situados na cidade de Monforte e tanto a temática como o deseño da decoración dos balcóns será acorde coa época medieval.
Os establecementos comerciais participantes deberán de estar ambientados acorde coa época medieval como mínimo do 28 ao 31 de marzo de 2024 e o concurso determinará tres gañadores: o primeiro clasificado recibirá 200 euros, o segundo 100 e o terceiro 75. A decisión do xurado sobre os tres gañadores do concurso de balcóns farase pública o domingo 31 de marzo ás 19.00 horas na praza de España.
Para elixir aos gañadores, o xurado terá en conta a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade, os materiais utilizados e a adecuada conxunción dos artigos comerciais do escaparate coa decoración medieval.
XI Concurso de Traxes Medievais
Por último, quérese premiar os mellores traxes medievais que luzan os participantes inscritos, e así incentivar tanto nos monfortinos e nas monfortinas, coma nos visitantes, a súa participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da XX Feira Medieval.
As modalidades e premios do Concurso de Traxes Medievais clasificaranse segundo sexan de adultos ou infantís. No caso dos adultos, na categoría individual repartirase un 1º premio de 75 euros e un 2º premio de 50; e na categoría por parellas repartirase un 1º premio de 175 euros e un 2º premio de 125 euros. Con respecto aos grupos de a partir de 5 compoñentes, haberá un 1º premio de 275 euros, e un 2º premio de 175 euros. No caso dos infantís, na categoría individual haberá un 1º premio de 50 euros e un 2º premio de 25; na categoría por parellas haberá un 1º premio de 100 euros e un 2º premio de 75 euros; e no caso dos grupos o 1º premio será de 175 euros e o 2º premio de 125 euros.
Os participantes no concurso concentraranse na Praza de España (a carón do Cruceiro), onde estará situado o xurado, ás 17.00 horas do domingo 31 de marzo e a a decisión do xurado sobre os tres gañadores do concurso de balcóns farase pública o domingo 31 de marzo ás 19.00 horas na praza de España.
Os gañadores serán determinados en función de que os seus traxes foran realizados artesanalmente, da súa elaboración, da riqueza en complementos, da posta en escena, do material utilizado e do seu rigor histórico.
Tamén se valorará a permanencia do participante co traxe posto durante os actos organizados durante a Feira Medieval, contribuíndo á animación do mercado coa súa presenza.