O Concello de Monforte abre este martes o prazo para participar na XXII Feira Medieval

RibeiraSacraXa
A feira celebrarase os días 4 e 5 de abril e os interesados en solicitar un posto poderán facelo ata o 2 de marzo
feira-medieval-monforte
2 Feb 2026

O Concello de Monforte abrirá este martes, 3 de febreiro, o prazo para participar na XXII Feira Medieval de Monforte. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases que regulan o proceso de inscrición e selección para os postos de artesanía, comercio e gastronomía que formarán parte desta tradicional feira.

A Feira Medieval celebrarase, como é habitual, durante o fin de semana de Semana Santa, os días 4 e 5 de abril deste ano, e terá lugar no Casco Histórico da cidade. O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destaca que “trátase dun dos eventos máis destacados do noso calendario anual e representa un reclamo turístico cunha gran capacidade para atraer visitantes á nosa cidade e ao conxunto da Ribeira Sacra”.

O prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde mañá, 3 de febreiro, ata o 2 de marzo, e a organización dará prioridade aos solicitantes residentes en Monforte, así como aos artesáns profesionais que conten coa carta de artesán. Os interesados deberán presentar a documentación requirida, incluíndo a Declaración Responsable, a través do Rexistro Xeral do Concello ou da sede electrónica, e tamén poderán enviar a solicitude por correo electrónico a feiramedieval@concellodemonforte.com
.

O prezo para os postos de artesanía e comercio será de 41,19 euros para os que midan ata 3 metros, e 51,54 euros para os que superen esa medida, mentres que os postos gastronómicos deberán abonar unha taxa fixa de 61,89 euros, independentemente do tamaño.

O horario de apertura ao público será desde as 10:00 horas, pechando entre as 21:00 e as 23:00 horas segundo a afluencia, e a instalación dos mesmos realizarase entre o día anterior e a mañá do inicio da feira. O desmontaxe poderá efectuarse o último día ou, como máximo, ao día seguinte.

Ademais da convocatoria para os postos, esta semana tamén se iniciou o concurso municipal de axudas para a confección de traxes medievais, dando así comezo aos preparativos dunha das citas culturais e festivas máis importantes de Monforte.

Para máis información sobre as bases e requisitos, os interesados poden contactar coa Oficina de Promoción Económica e Emprego do Concello, nos teléfonos 698 181 551 e 982 884 775, ou por correo electrónico.

⚙ Configurar cookies
0.075547933578491