O Concello de Folgoso do Courel pide poñer en marcha o proxecto da residencia da terceira idade

RibeiraSacraXa
Os populares presentarán unha moción no vindeiro Pleno da Deputación de Lugo para esixir a presentación do proxecto “á maior brevidade para continuar co proceso e licitar canto antes as obras”
concello-folgoso-courel
Casa do Concello de Folgoso do Courel
27 Feb 2025

A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, defenderá no pleno deste venres que a Deputación de Lugo presente “dunha vez por todas” o proxecto da residencia da terceira idade para o municipio “actualizándoo á nova realidade do municipio” xa que recorda que o convenio inicial asinouse no ano 2018, prorrogándose ata en dúas ocasións.

Lola Castro afirma destaca a necesidade de levar a cabo este proxecto “nun municipio destas características, cunha poboación con idades moi avanzadas e con gran dispersión xeográfica, sendo o mais afastado na provincia de todos os servizos”

Para a alcaldesa de Folgoso do Courel “a Deputación de Lugo ten que cumprir o acordado con todos os veciños de Folgoso do Courel, algo para o que lle esiximos que presente o proxecto á maior brevidade para continuar co proceso e licitar canto antes as devanditas obras”.

“Agardamos que o resto de grupos municipais entendan a importancia desta moción, xa que se trata dun servizo fundamental para todo o municipio e, como alcaldesa, considero que temos que ir todos da man para que o centro de atención a maiores sexa unha realidade á maior brevidade posible”, sinalou.

Unha década de espera

Lola Castro lembra que as conversas para a creación do convenio interadministrativo entre o Concello de Folgoso do Courel e a Deputación de Lugo comezaron no ano 2015, e que o acordo, que se asinou en 2018, tivo que prorrogarse en dúas ocasións.

Explica que, segundo este convenio, o investimento necesario estimouse en 1.400.000 euros, dos cales a Deputación aportará 1.200.000 euros, encargándose ademais, entre outros cometidos, de licitar, adxudicar e xestionar os contratos de obra e servizos precisos, correspondendo ao Concello de Folgoso do Courel achegar 200.000 euros e, entre outros, aportar os terreos necesarios para a construción da residencia e o centro de día.

Dende o Concello de Folgoso do Courel “cumpriuse coas obrigas establecidas”, sinala Castro. “O Concello puxo os terreos a disposición da Deputación no ano 2019”. Porén, sinala que o proxecto posteriormente presentado polo organismo provincial presentaba “numerosos erros” que tiveron que ser corrixidos, e que o Concello “outorgoulle a licenza municipal o 13 de xaneiro de 2022”.

O 11 de decembro de 2019, continúa, solicitouse a prórroga do convenio xa que remataba a finais dese ano e se asinou a prórroga da addenda ao convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel para a execución dos fins comúns, consistentes na construción de residencia e centro de día da terceira idade, aprobada anteriormente na xunta de goberno do 23 de xaneiro do 2018, e rectificada na xunta de goberno provincial do 23 de xaneiro do 2020, ampliando ata o 31 de decembro do 2021.

Neste tempo, o 18 de xuño de 2020, a alcaldesa de Folgoso do Courel mantivo unha reunión co presidente da Deputación para tratar, entre outros temas, a construción da residencia, manifestando José Tomé “o seu total compromiso, tal e como se constata na addenda ao convenio de seguir adiante coa tramitación para sacar a construción da residencia adiante”.

A finais do ano 2021, asinouse segunda addenda de prórroga, tendo como data límite para a construción da residencia o mes de xullo de 2025. A alcaldesa sinala que, neste senso, solicitou unha nova xuntanza con José Tomé, que finalmente foi co deputado delegado, Pablo Rivera, onde se explicou que tiñan que revisar o proxecto polo aumento dos prezos dos materiais coa intención de evitar problemas de licitacións desertas como esta a ocorrer noutras residencias.

“A realidade”, denuncia Castro, “é que a Deputación de Lugo acumula meses sen responder aos escritos que eu mesma, como alcaldesa, lles envío, xa que o meu único obxectivo é acadar para os veciños e veciñas do noso municipio o respecto que merecen por parte da Deputación, que se materializa a través do cumprimento dos acordos asinados”.

⚙ Configurar cookies
0.61549782752991