O Concello de Folgoso do Courel organiza dous obradoiros musicais en maio
O Concello de Folgoso do Courel organiza dous obradoiros musicais o día 15 de maio. Poderá escollerse entre o obradoiro de percusión de man impartido por Felisa Segade ou o obradoiro de Gaita Galega impartido por Diego Prieto.
Ámbolos dous obradoiros serán o 15 de maio en Santa Eufemia terán prazas limitadas e poderá solicitarse máis información ou realizar a inscrición a través do número de teléfono 622 057 042.
O obradoiro de percusión de man centrarase nos xeitos da muiñeira na pandeireta e outras percusións de man. Comezará ás 12.00 horas ata ás 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas. Por outra banda, o obradoiro de gaita galega estará centrado na afinación e na posta a punto d instrumento. Este impartirase nun horario de mañá de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 pola tarde.
Ás 19.00 horas haberá petiscos e foliada aberta.
Felisa Segade
Dende moi nova Felisa Segade desenvolve unha incesante actividade como mestra de baile, pandeireta e canto tradicional galego para diferentes Asociacións, Institucións e Festivais tanto a nivel nacional, como internacional (Alemaña, Suiza, Portugal, Bélxica..)
Diego Prieto
Comezou a súa formación na Banda de Gaitas "Os Trabazos" de Castro Caldelas (Ourense) no ano 2000 da man de Modesto Cid Pérez , desde ese momento non deixou de formarse con este instrumento, ata que actualmente, e desde 2017, é director da Escola de Música Tradicional do Pereiro de Aguiar e, profesor de Gaita Galega na escola de música tradicional de Historia de Ribadavia desde 2019. Ademais, dirixe o proxecto TradiGaita , sendo a canle de Youtube máis grande no seu ámbito dedicado á difusión da gaita galega en galego.