O Concello de Chantada reactiva os semáforos xunto ao centro de saúde tras renovar o sistema lumínico

Este martes 22 de xullo, o Concello de Chantada volverá poñer en funcionamento os semáforos situados xunto ao Centro de Saúde, no cruce da Avenida de Monforte coa rúa Portomarín e a Avenida dos Pilos. A reactivación destes dispositivos chega logo de levar un tempo fóra de servizo para seren obxecto dunha renovación integral destinada a mellorar a seguridade e a eficiencia enerxética.
Durante os primeiros días, a Policía Local permanecerá na zona para informar aos condutores e peóns da nova situación, empregando sinais en trípodes como medida adicional de advertencia. Os semáforos funcionarán de 9:00 a 22:00 horas en modo normal, mentres que de noite, entre as 22:00 e as 9:00, quedarán en modo intermitente.
A actuación levada a cabo inclúe a substitución do sistema antigo por luces LED tanto nos semáforos de vehículos como nos de peóns, o que mellora notablemente a visibilidade e reduce o consumo eléctrico. Ademais, foi renovada a maquinaria do cadro de control e pintadas as estruturas metálicas, co fin de actualizar por completo o conxunto da instalación.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, fixo un chamamento á prudencia nos primeiros días de funcionamento. Subliñou que se trata dunha intersección con moito tráfico, polo que “era imprescindible tomar medidas que melloren a seguridade, especialmente ao incorporar maior visibilidade e lograr tamén un aforro económico para o Concello”.