O Concello de Chantada instala 38 plantas de cor violeta para conmemorar o 25N

Este martes 25 de novembro, a concelleira de Igualdade do Concello de Chantada, Pamela Fernández, leu diante da casa consistorial o manifesto con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A concelleira estivo acompañada polo alcalde, Manuel Lorenzo Varela, persoal do Centro de Información á Muller (CIM), membros da corporación e representantes de distintos departamentos municipais.
Como parte da conmemoración, a área de Parques e Xardíns do Concello colocou 38 plantas de cor violeta, unha por cada muller asasinada en España durante 2025. As plantas formaron o número 25N, acompañadas dun lazo negro en sinal de recordo e denuncia.
A concellería de Igualdade desenvolveu unha ampla programación nas últimas semanas para conmemorar esta data, que concluirá o próximo 28 de novembro no Auditorio Municipal de Chantada coa charla "(Con)vivir o Climaterio, máis alá da menopausia", que comezará ás 18:30 horas.