O Concello de Chantada atenderá as demandas dos veciños da Praza Luis García Arias e iniciará a súa humanización

O Concello de Chantada atenderá as solicitudes das veciñas e veciños da Praza Luis García Arias, próxima ao Polideportivo Municipal e acometerá a mellora e a humanización deste espazo, reformado por última vez hai 15 anos para crear un espazo complementario aos locais de hostalaría.
“Agora case non hai hostalaría nesta zona e non se lle dá o uso esperando, polo que comezamos a traballar nun proxecto de humanización e mellora co que crearemos un parque infantil e espazos verdes e de lecer, creando unha zona máis atractiva e acorde co modelo de vila que queremos”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Para executar este proxecto, o Concello de Chantada solicitou unha subvención da Xunta de Galicia para a mellora de infraestruturas locais. Así cun importe total de 75.000 euros a Xunta achega 40.000 euros e o resto o Concello. Esta semana adxudicarase o proxecto para poder comezar coas obras coa intención de telas rematadas para outubro.
A Praza Luis García Arias localízase nunha zona de pendente que se divide en catro plataformas que se elevan con respecto á cota da rúa para xerar espazos horizontais e salvar o desnivel. O novo proxecto minimizará a presenza dos muros de formigón, que conteñen cada unha das prazas. Dotarase a estes espazos de vexetación, eliminando os chanzos existentes en cada unha das prazas, dándolle continuidade visual e espacial ás catro plataformas.
A primeira delas destinarase a parque infantil deixando un acceso único a nivel, evitando chanzos e rampas e xerando unha praza pechada. O resto de plataformas acondicionarase con bancos e outro mobiliario urbano e habilitaranse zonas verdes con xardineiras, espazos que poderían ser tamén utilizados pola hostalaría.