O Concello de Chantada acollerá a entrega do premio Condado de Pallares
O Concello de Chantada acollerá este vernes, 1 de decembro, ás 19.00 horas a cerimonia de entrega do premio do XVII Certame de Investigación Condado de Pallares, organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares.
O premio recaeu este ano no traballo O agrarismo nas terras de Chantada, de Antonio Paz Vázquez, ao que lle corresponderán os 3.000 euros do premio, considerado o decano deste tipo na provincia de Lugo.
O xurado valorou "o interese deste traballo de investigación, que supón un documentadísimo e profundo estudo histórico do fenómeno sociopolítico do agrarismo galego nos concellos de Chantada, Taboada e Carballedo. Nesta ocasión refírese a unha etapa histórica que supuxo un desenvolvemento social no período entre a desamortización de 1835 e o inicio da Guerra Civil, no 1936.
Antonio Paz Vázquez, de Chantada, é técnico administrativo e ten publicados outros dous libros, a Guía micológica, manual de gestión y aprovechamientos no madereros e Os muíños e as outras industrias tradicionais da auga do Concello de Chantada.