O Concello de Bóveda xa puso en marcha as obras para crear un novo viveiro industrial
A creación dunha nave para acoller un viveiro industrial de empresas no parque empresarial do Concello de Bóveda xa está en marcha na zona de Casas Novas.
O alcalde, José Manuel Arias, explica que con esta actuación "se busca fixar poboación no rural, pero tamén fomentar e xerar novas oportunidades de negocio que axuden a dinamizar o entorno rural ao que pertence o Concello".
Ademais, engade que a localidade está experimentando "unha transformación da súa estrutura social e laboral, coa instalación de novas familias procedentes de contornos urbanos e tamén de persoas novas orixinarias deste Concello ou doutros próximos que pretenden desenvolver a súa actividade laboral na comarca".
Cada vez mais, pequenos empresarios e autónomos demandan espazos non moi amplos, pero si con todos os servizos que a tecnoloxía proporciona hoxe, e de dispoñibilidade case inmediata, a fin de poder formarse ofrecer os seus servizos á sociedade. E isto, segundo o rexedor, é "complexo cando queren instalarse en pequenos locais comerciais clásicos pola cantidade e dificultade de acondicionamento dos mesmos".
Ademais, di que a posición do Parque Empresarial con respecto da vía de altas prestacións Nadela-Monforte e os seus nós de enlace, "converten a este Parque nun polo de intercambio de mercadorías entre os diferentes operadores de transporte e de transporte lixeiro da comarca".
O proxecto
O proxecto propón crear un espazo de formación teórico e práctico e de traballo compartido onde os diferentes actores de diversas profesións poidan desenvolver a súa actividade, optimizando recursos, dar a coñecer un negocio e crear sinerxías con outros profesionais.
O viveiro industrial ofrecerá espazos de traballo (despachos) con banda ancha en redes, sala de reunións, sala de conferencias, sala de reprografía, así como espazos formación individualizada ou conxunta, e tamén formación práctica, así como de intercambio de ideas.
Este espazo ocupará dúas parcelas de uso industrial do Parque Empresarial do Concello de Bóveda, cunha superficie de 1.502,70 metros cadrados.
As parcelas conforman unha planta triangular cun desnivel entre vértices de ata seis metros. O viveiro estará na súa totalidade en planta baixa. A entrada peonil efectuarase na parte máis ancha da nave.
A esta planta tamén se poderá acceder en horizontal ao taller con vehículos. A zona de prácticas terá acceso pola mesma porta que os peóns dende o corredor que da acceso aos despachos, e tamén polas portas de acceso de material con vehículos.