O Concello de Bóveda recibe 240.000 euros da Xunta para un viveiro de empresas
O Concello de Bóveda vén de recibir da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación unha axuda de 240.000 euros para crear un viveiro industrial de empresas no municipio.
Así o anunciou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen explicou que o proxecto contempla a construción dunha nave cunha superficie útil de 661,83 metros cadrados, que albergará catro despachos, zonas de servizos comúns e un taller de formación práctica. O goberno galego asume o 80% do investimento previsto, que ascende a 300.000 euros.
Arias explicou que a achega enmárcase na convocatoria para impulsar actuacións da construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais para crear viveiros de empresas nos concellos galegos, dotada cun orzamento de 1,5 millóns de euros. A Xunta financia ata o 80% do custo cun límite de 240.000 euros.
Con esta orde de axudas, a Xunta busca mellorar a competitividade da oferta de solo empresarial galego como elemento dinamizador da economía e do emprego a través duns espazos físicos, os viveiros, que pretenden apoiar o nacemento de novas empresas de carácter industrial. Estas instalacións axudan, ademais, a dinamizar a economía dos concellos rurais, fixando emprego e poboación nestes territorios.
A Xunta impulsa outras liñas de axudas para potenciar os parques empresariais galegos, unha delas para mellorar infraestruturas e outra para reforzar as redes de distribución eléctrica.