O Concello de Bóveda pide que se restableza o servizo de Abanca

RibeiraSacraXa
O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, pídelle á entidade Abanca que restablece o servizo que viña prestando no Concello.
casa concello bóveda
19 Ago 2021

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, pídelle á entidade Abanca que restablece o servizo que viña prestando no Concello.

Así pois, enviou o pasado 14 de xullo unha misiva dirixida á Corporación Abanca para solicitarlle que non se reducira o servizo de atención ao público, pasando a prestarse soamente dous días por semana, luns e mércores.

O alcalde explicaba na súa carta que esta decisión da entidade causaba un forte malestar entre a veciñanza, posto que se trata da única oficina e entidade bancaria existente na localidade.

Tamén expuña que o municipio conta cun gran número de poboación de persoas maiores, ás que lles resulta máis difícil realizar as súas operacións e xestións da banca electrónica.

Desde o Concello tamén se pedía evitar a saturación e aglomeracións que provocaría a redución de horario, como así está acontecendo, para poder ofrecer un servizo de calidade e eficiencia.

Tras facer esta comunicación o rexedor mantivo esta mesma semana unha xuntanza de traballo cos responsables da entidade, para trasladar de novo estas queixas e pedir que reconsideren a decisión e restablezan os servizos que se viñan prestando.

Tras a reunión , José Manuel Arias confía en que as súas queixas sexan tidas en conta e os veciños e veciñas non teñan que sufrir as consecuencias desta decisión, unha petición que os responsables da oficina bancaria se comprometeron a estudar de cara a ofrecer solucións que sexan do agrado de todos e todas.

0.18521404266357