O Concello de Bóveda e a Xunta reforzan a colaboración no impulso da formación para o emprego e a prevención forestal

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, e coa concelleira de Cultura do municipio, Cristina Juiz, co gallo de avanzar na colaboración entre ambas administracións para fortalecer a xeración de riqueza e emprego no concello lugués.
Na xuntanza púxose de relevo a importancia da formación para o emprego de cara a mellorar as oportunidades laborais da veciñanza de Bóveda. Nesa liña, cómpre destacar que este municipio, xunto cos de O Incio e Pobra de Brollón, conta cunha axuda de preto de 412.000 euros para levar a cabo un obradoiro dual centrado en operacións auxiliares en viveiros e xardíns. Nese marco estase a beneficiar unha vintena de persoas participantes na formación teórico-práctica que contribúe, ademais, a mellorar servizos para a cidadanía nas zonas rurais. Así mesmo, o concello de Bóveda é beneficiario desde 2021 do programa Aprol Rural cun achega global de máis de 57.000 euros, a través da que a Xunta busca promover a contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes ou a xestión da biomasa co obxectivo de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.